Médicos de urxencias esixen ao Goberno medidas para frear a "grave crise" na primaria
Reclámanlles ás comunidades autónomas que apoien o manifesto que impulsan Galicia e Euskadi
A Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (SEMES) insta ao Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde a consensuar unha solución para a "grave crise", que, segundo asegura, atravesa a atención primaria en España. Destaca que esa situación provoca a excesiva saturación dos servizos de urxencias.
A SEMES pídelles ás comunidades autónomas que apoien o manifesto impulsado por Galicia e Euskadi para que o Goberno tome medidas na atención primaria.
O presidente da SEMES en Galicia José Manuel Fandiño valora o documento porque inclúe unha das súas reivindicacións máis importantes: a creación da especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias.
Fandiño explica que os únicos países de Europa que carecen dela son España e Portugal. Considera que crear esa especialidade permitiría planificar e xestionar mellor os recursos humanos.