Os letrados de xustiza aceptan a oferta do Goberno para poñer fin á folga
A proposta supón unha suba salarial de 450 euros mensuais
300.000 procedementos xudiciais paralizados en Galicia en dous meses de paro
63 días despois, e se non hai sorpresas, a normalidade volverá este mércores aos xulgados españois. Os letrados de xustiza aceptaron regresar aos seus postos de traballo despois de que un 76% deles dera por boa a última oferta do Goberno.
As asembleas provinciais dos letrados da Administración de Xustiza votaron este luns a favor da proposta de acordo do Ministerio de Xustiza para poñer fin á folga indefinida que empezaron o 24 de xaneiro para pedir melloras salariais, segundo as organizacións convocadoras.
A clave da proposta é unha suba salarial de entre 430 e 450 euros ao mes, dependendo dos diferentes destinos. Vaise aboar en tres prazos: un 40% agora, con carácter retroactivo desde xaneiro, outro tanto a comezos do ano que vén e o resto, en xullo de 2024. A oferta non chega o 85% do que cobran os xuíces, que era o que eles reclamaban.
"É unha proposta de mínimos que debemos aceptar para restablecer outra vez o servizo público. Hai un certo recoñecemento desas funcións que se nos atribuíron en 2009", explica Fernando Santiso, letrado de xustiza.
Ese ano, unha reforma procesal puxo sobre as costas dos daquela chamados secretarios de xustiza moitas das tarefas que ata entón desempeñaban os propios xuíces.
Atrás quedan dous meses de tensa tirapuxa co ministerio de Pilar Llop, que só se despexou cando a semana pasada se incorporou ás negociacións o Ministerio de Facenda.
"Esa función do Ministerio de Xustiza fala por si soa desde o momento que dous meses non chegan para arranxar esta situación e 3 días si que son abondo", lamenta Santiso.
O paro obrigou a suspender centos de milleiros de vistas e bloqueou o abono de miles de millóns de euros en indemnizacións, pensións alimenticias ou embargos. Fernando Santiso estima que "estendido a Galicia, estariamos a falar duns 300.000 procedementos paralizados". Un traballo atrasado que levará meses poñer ao día.

Nun comunicado remitido polo Colexio Nacional de Letrados, o comité de folga explica que o obxectivo é asinar este martes no Ministerio o texto para acabar co paro, despois de aclarar "algúns termos do acordo final que quedan por matizar".
O 76 % dos Letrados da Administración de Xustiza que participaron na votación deste luns mostráronse a favor de aceptar na reunión deste martes co Ministerio a proposta que lles puxo sobre a mesa o equipo de Pilar Llop.
Dous meses de folga
Prevese que o comité de folga sente o martes á mesa con Xustiza para aceptar a proposta que lles fixo. A de mañá será a cuarta reunión desde que se renovasen as negociacións o pasado 17 de marzo, co Ministerio de Facenda tamén implicado, tras a parada producida a finais de febreiro como consecuencia dunha serie de encontros que os letrados cualificaron de "infrutuosos".
O acordo parece que chegará despois de máis dous meses de folga nos que, segundo os datos das asociacións convocadoras, suspendéronse uns 356.000 xuízos e vistas, quedaron paradas unhas 424.000 demandas e mantivéronse parados nas contas de consignacións ata 1.280 millóns de euros.