Os tractores volven colapsar o tráfico de Lugo na xornada que abre a segunda semana de concentracións
Os tractores volven colapsar o tráfico de Lugo na xornada que abre a segunda semana de concentracións
Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema chaman a poboación a sumarse á manifestación prevista para este martes ás 12:00 horas
Os apicultores únense ás protestas de gandeiros en Lugo contra o tratado UE-Mercosur
En Ourense os tractores manteñen cortada por terceira xornada a estrada N-120
Gandeiros e agricultores de Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema iniciaron este luns a súa segunda semana de protestas contra o tratado comercial entre a Unión Europea e o Mercosur cun paseo dos tractores polas rúas de Lugo o que provocou numerosos atascos e retencións no tráfico da cidade, especialmente no Ceao e Rolda da Muralla, onde seguen aparcados desde o pasado luns máis de 150 vehículos agrícolas nun dos carrís.
De feito, esta fin de semana celebrouse unha foliada e o sábado unha degustación de tenreira, dous actos que reuniron a decenas de persoas, a maior parte profesionais do sector, e que obrigaron a cortar o tráfico nesa zona da Muralla.
Para este martes está previsto que continúen as mobilizacións de tractores de forma continuada e tamén se celebrará ás 12:00 horas unha manifestación a pé entre a sede da Xunta e a Subdelegación de Goberno, unha acción similar á realizada o pasado venres.
Mentres as protestas continúan, os manifestantes esperan contestación por parte dos organismos cos que solicitaron unha reunión, como a subdelegada e o delegado de Goberno ou os eurodeputados de PSOE, PP e VOX, e dos que "non temos noticia", tal e como explicou a presidenta de Agromuralla, Noelia Rodríguez.
Os colectivos convocadores fan un chamamento á sociedade lucense para que se sume a estas concentracións, lembrando que serán os máis prexudicados por este tratado, "xa que verán reducida a calidade dos alimentos que atoparán nos lineais dos supermercados".
En Ourense agricultores e gandeiros manteñen cortada por teceiro día consecutivo a N-120 O tráfico está sendo desviado pola cidade ocasionando atascos na contorna do centro comercial. Levan dende o 29 de decembro e teñen previsto continuar coas mobiliazcións.
(Europa Press)
Os apicultores únense ás protestas de gandeiros en Lugo contra o tratado UE-Mercosur
Apicultores da provincia de Lugo súmanse ás protestas que manteñen desde hai unha semana os gandeiros de carne e leite contra o tratado comercial entre a Unión Europea e Mercosur.
Estes profesionais confirmaron a súa participación na manifestación que percorrerá este martes as rúas do centro da cidade, porque consideran que o “acordo prexudica gravemente” os seus intereses e a viabilidade das súas explotacións.
O sector apícola sente profundamente prexudicado pola previsible entrada de mel “de calidade inferior a prezos moito máis baratos”.
Eugenio Cazón, un produtor con 80 colmeas en Doiras (Cervantes), na Montaña de Lugo, denuncia que a partir de agora terán que “competir cun mel que se produce moito máis barato", aínda que tamén cunha “calidade inferior”.
Cazón defende a excelencia do seu produto, un "mel de alta montaña de moi boa calidade, escuro", que obtivo "uns parámetros fantásticos" nas análises de laboratorio.
Con todo, teme que o factor decisivo no supermercado non sexa a calidade, senón o prezo. Aínda que recoñece que "hai moita xente que vai mirar a calidade" do que compra, Cazón lamenta que ao final, "para o consumidor medio, o peto é o que manda".
"A gran maioría o que miramos é o peto, porque a final de contas temos que comer", engade.
Ante esta situación, que se suma á competencia xa existente con produtos que chegan doutros países europeos e da China, os apicultores esixen que, como mínimo, se garanta a transparencia, para que o consumidor teña toda a información necesaria á hora de ir á compra.
Nese sentido, reclama que sexa obrigatorio identificar a procedencia e a pureza do mel nunha etiquetaxe clara e visible, de forma que o consumidor teña “a posibilidade de decidir con toda a información”.