Os gandeiros aproveitan o tempo seco para ensilar a herba
A campaña de ensilado de herba é un dos momentos de máis actividade no campo
Esta primeira corta de herba é moi importante porque adoita ser de boa calidade
Mentres parte da poboación goza das vacacións de Semana Santa, hai quen estes días traballa arreo. A campaña de ensilado de herba é unha das épocas de máis actividade no campo. Teñen que aproveitar o tempo seco.
"Non é como a campaña do ano pasado, que tiñamos tres días bos e unha semana de auga. Agora andas máis aliviado. Todo o que deamos sacado agora dános marxe para dentro dun par de semanas,cando empeza o máis forte. Podemos levar a cousa cun pouco máis de calma", conta Jesús Montes, presidente da coopetiva O Rodo.
Esta primeira corta de herba é moi importante porque adoita ser de boa calidade.
"Houbo moita chuvia, fincas que non se puideron aboar e non teñen a corta coma outros anos, pero penso que vai ser bo ano", segundo Jesús.
"Aquí, co comezo da primavera, temos unha herba con menos fibra e máis proteína. Pola calidade nutricional consideramos este ensilado de gran aporte de cara á produción de leite, que é o noso caso", explica o secretario da cooperativa, Alberte Lamazares.
O feito de ter unhas forraxes de calidade é fundamental para as granxas. Sobre todo, nun momento delicado para o sector.
"Nestes tempos bélicos, nos que tanto o gasoil como os produtos para aboar as plantas e as materias primas que veñen do exterior están subindo e van subir máis porque este mundo non se vai compoñer a curto prazo, é importante ter unhas forraxes de calidade", engade Alberte.
Por iso, nesta semana que veu boa intentan meter o máximo volume de herba nas ganderías.