Os galegos da 1.ª RFEF quedan encadrados nos dous bloques clasificatorios
O Racing perde por segunda xornada consecutiva e o Deportivo recórtalle tres puntos na pelexa polo ascenso
Celta B e Pontevedra perden como visitantes e quedan na zona perigosa
Segundo tropezo consecutivo do Racing, que acumula tres xornadas sen gañar. Ante Unionistas saíu forte, pero o dominio inicial resultou infrutuoso. O equipo que dirixe Raúl Casany marcou na primeira ocasión de que dispuxo. O Racing é cuarto, a tres puntos do líder, o Córdoba.
Mellor sorte tivo o Deportivo, que malia non transmitir grandes sensacións segue sumando puntos na era de Óscar Cano, e xa van nove de doce posibles. O duelo fronte ao Alxeciras foi moi igualado. Svenson adiantou os coruñeses e Turrillo empatou o encontro xusto antes do descanso, ao que por certo se chegou con polémica. O árbitro non asubiou penalti nunha acción sobre Mario Soriano.
Á volta dos vestiarios poucas ocasións e máxima efectividade para os galegos. Soriano fixo o 1-2 definitivo no 82. O duelo estendeuse ata o 96 por mor da lesión no ombreiro de Mackay, que podería ser baixa de tres a catro semanas. Houbo polémica para rematar. O asistente anuloulle un gol a Unai Vega por un axustadísimo fóra de xogo.
O Celta B perdeu ante o Badaxoz e cae a postos de descenso. Marcou David Soto nunha acción moi protestada polos visitantes. O disparo semella golpear na man de Alfaro. Puido salvar un punto o Celta B nos minutos finais do encontro, pero o balón deu co traveseiro.
Antepenúltimo é o Pontevedra, que non conseguiu sobrepoñerse aos atrancos do choque ante o Real Madrid B. Primeiro o desaloxo por falsa alarma do Alfredo Di Stefano, despois a expulsión de Luis Martínez e finalmente o gol de Arribas. O Pontevedra necesita mellorar o rendemento a domicilio se quere manter a categoría. Tan só sumou un punto de 18 posibles.