Carbón, o petróleo ou o gas, fontes de enerxía convencional con data de caducidade
Apostan por un novo modelo enerxético que descentralice a producción e a faga próxima ós lugares de consumo.
O cambio climático e o proceso de descarbonización lévannos a contar coa opinión dos expertos sobre a transición cara as enerxías verdes nun contexto marcado pola falla de materiais e o esgotamento progresivo dos recursos convencionais.
Precisamente, sobre esa transición cara as renovables, o Decano da Facultade de Económicas da USC e experto en enerxías renovables, Xoan Ramón Doldán, falou na Radio Galega da necesidade de descentralizar a produción de enerxía e buscar novos modelos de producción próxima aos lugares de consumo.
Un cambio que non será rápido, porque polo momento non podemos prescindir das enerxías convencionais como a electricidade ou o petróleo, apunta.
"Enerxías como o carbón ou a nuclear poden axudar a manternos mentres non se produce ese cambio, pero non se pode manter ese modelo enerxético".
Sobre o obxectivo do Goberno de que o 74 por cento da enerxía do país sexa de fontes renovables en 2030, aclara Doldán que non será posible se o que se pretende é aumentar o consumo de electricidade e manter esas formas de obtención convencionais.
Ademais, insiste, á crise enerxética e ecolóxica cómpre engadir a crise de materiais para facer posible ese reto. Hai un problema, afirma este experto, porque os materiais que precisamos para fabricar baterías e facer posible ese cambio son cada vez máis escasos e están cada vez máis demandados polos distintos países.
Medidas contra o cambio climático
Respecto ás medidas na loita contra o cambio climático, argumenta Doldán que cómpre acelerar a redución no consumo de combustibles fósiles na produción de electricidade, pero ademais habería que mudar outras cousas. O experto aposta polo transporte colectivo eléctrico, reducir a mobilidade, o que implicaría en boa medida mudar os movementos cotiáns, pero tamén modificar o fluxo do comercio internacional.