Publicador de contidos

Publicador de contidos

A inmunóloga África González avoga por retirar a máscara nos recreos

A inmunóloga África González avoga por retirar a máscara nos recreos

A catedrática de inmunoloxía da Universidade de Vigo asegura que as vacinas protexen ben da variante delta plus

África González considera acertado inocular unha dose de reforzo de Pfizer ou Moderna ás persoas vacinadas con Janssen

África González, catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo
G24.gal 02/11/2021 10:07

A catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo, África González, analizou no Galicia por diante da Radio Galega a evolución da pandemia e a resposta das vacinas fronte ao virus. González considera que os preparados actuais protexen ben da variante delta plus, aínda que defende inocular unha dose de reforzo ás persoas maiores ou inmunodeprimidos.

"As vacinas protexen ben fronte a todas as variantes e, en concreto, fronte á variante delta. Pero co tempo as persoas maiores teñen unha menor resposta inmunitaria e por iso se lles aplica a terceira dose, para que estean mellor protexidos. O que non sabemos é canto dura esa memoria e se será preciso no futuro dar un reforzo a máis xente"

A catedrática de Inmunoloxía na Universidade de Vigo considera acertado inocular unha dose de reforzo de Pfizer ou Moderna ás persoas vacinadas con Janssen. África González lembra que unha única dose protexe menos que dúas e salienta a eficacia de combinar estas dúas vacinas.

"É unha medida apropiada tanto combinar vacinas como dar esa segunda pauta, dado que habitualmente unha simple inoculación adoita dar unha resposta moito menor"

Hai que ser flexibles na desescalada

A catedrática de Inmunoloxía na Universidade de Vigo cre que a eficacia das vacinas permitirán que non teñamos que volver a outro confinamento extremo. África González que teremos que ir volvendo á normalidade tendo sempre presente que o virus aínda non desapareceu.

Neste senso, a inmunóloga avoga por ser flexibles na desescalada e permitir que os nenos comecen xa a sacar a máscara nos recreos, xa que a eficacia da mesma é moi baixa nos espazos abertos.

"Eu creo que cando se está facendo deporte ou se está ó aire libre sacar a máscara pode ser unha medida oportuna"

González cre que unha vez pase a pandemia sería preciso facer autocrítica e analizar que se fixo mal e que medidas funcionaron para evitar que no futuro non volva ocorrer.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade