Os EUA lanzan ataques contra Irán por terceira noite, afirma o Comando Central
Os bombardeos buscan degradar a capacidade de Irán para atacar civís e o transporte marítimo comercial no estreito de Ormuz
O Comando Central dos Estados Unidos (Centcom) informou este luns de que as forzas estadounidenses iniciaron unha terceira noite consecutiva de ataques contra Irán por orde do presidente, Donald Trump, con operacións destinadas a impor «un alto custo» a Teherán.
Segundo informou o Centcom na súa conta de X, os bombardeos buscan degradar a capacidade de Irán para atacar civís e o transporte marítimo comercial no estreito de Ormuz e comezaron apenas uns minutos despois de que Trump asegurase nunha entrevista que o país persa sería golpeado «moi duro» esta mesma noite.
Previamente, Trump indicara durante unha entrevista no programa do comentarista conservador Hugh Hewitt que esta noite e mañá golpearían «moi duro» a Irán.
Aínda que o republicano evitara inicialmente falar de posibles obxectivos militares da nova vaga de ataques, ao ser preguntado polo entrevistador deixou entrever que existía a posibilidade de atacar unha zona do centro de Irán onde se presume que podería existir unha cuarta instalación nuclear.
A nova ofensiva estadounidense prodúcese despois de que Trump anunciase o restablecemento do bloqueo naval contra Irán e asegurase que Washington asumirá o papel de «gardián do estreito de Ormuz», unha das rutas marítimas máis importantes para o comercio enerxético mundial.
O mandatario estadounidense afirmou que outros países deberán compensar os EUA cun 20 % da carga transportada polos custos de garantir a seguridade nesa vía marítima, que Teherán pechou «ata novo aviso» tras os recentes ataques estadounidenses.
Trump sostivo que o proceso para implementar esa compensación comezará de inmediato e asegurou que os EUA non continuarán protexendo de balde as nacións que se benefician do tránsito polo estreito, mentres Irán respondeu aos ataques con accións contra países aliados de Washington na rexión.