Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os edís do PSOE de Santiago non asisten ao pleno alegando vulneración de dereitos

Os edís do PSOE de Santiago non asisten ao pleno alegando vulneración de dereitos

Gumersindo Guinarte e Marta Abal ausentáronse ante a decisión da alcaldesa de non abordar na sesión o paso dos concelleiros díscolos ao grupo dos non adscritos

Besteiro avala que o PSOE de Santiago acuda á xustiza ao non incluír o pleno a saída do grupo dos expulsados

Os concelleiros Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez (Arquivo/EFE)
G24.gal 24/04/2025 11:55

Os concelleiros socialistas de Santiago Gumersindo Guinarte e Marta Abal ausentáronse este xoves do pleno ordinario da cidade ao considerar que se están vulnerando os dereitos do partido por non facerse efectiva nesta xornada a expulsión do grupo municipal dos edís díscolos e expulsados do partido en marzo.

Os concelleiros, afíns á dirección do PSOE, non asistiron ao pleno deste mes de abril “ante a decisión adoptada pola alcaldesa da cidade de non incorporar na orde do día do pleno o punto de toma en consideración do paso a concelleiros non adscritos das persoas que foron expulsadas do partido: Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez".

Nun comunicado, o portavoz socialista designado polo partido, Gumersindo Guinarte, sostivo que “coa ausencia desta toma en consideración por parte do pleno das expulsións que se produciron impídese pola vía dos feitos que os únicos representantes lexítimos do Partido Socialista a día de hoxe na corporación poidan tomar posesión dos seus respectivos cargos e actúen como representantes legais ante a corporación municipal de Santiago”.

Guinarte denunciou que “pola contra, permítese que persoas que foron expulsadas do Partido Socialista sigan falando no seu nome ante o Concello de Santiago para todos os efectos, que sigan presentando iniciativas e intervindo como se seguisen sendo a voz socialista no Pazo de Raxoi”.

Por iso, asegurou que os dous edís que permanecen no partido non poden "ser partícipes dunha sesión do Pleno municipal na que se impide que a representación lexítima do Partido Socialista poida asumir a efectiva representación que lle corresponde ante unha decisión que non se enmarca para nada nunha cuestión xurídica, senón que responde a unha cuestión política”.

De feito, anunciou que desde o PSOE “está a estudarse xa polos servizos xurídicos do partido todas as vías legais e xudiciais na defensa dos dereitos do partido, co fin de que non se sigan vulnerando os dereitos fundamentais das e dos socialistas nesta cidade”.

O PSdeG avala que o PSOE de Santiago acuda á xustiza

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, apoia que a dirección local do PSOE de Santiago poida acudir á xustiza despois de que a orde do día do pleno do Concello non incluíse o punto relativo á toma en consideración do paso a non adscritos dos concelleiros que foron expulsados do partido.

Besteiro asegura que lle "parece" unha "medida responsable" e subliña que os catro concelleiros expulsados "están fóra do PSOE" polo que "non pode manterse unha situación de indefinición" e que se manteñan no grupo "catro persoas" que non forman parte do partido.

O xefe de filas do PSdeG considerou que "ten que haber unha decisión formal política respecto diso" e dixo que tanto el como secretario xeral como todas as "esferas do Partido Socialista" consideran que "é absolutamente correcta esta cuestión" e "respectuosa cos tempos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade