Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os ecuatorianos votan nunhas eleccións anticipadas marcadas pola violencia

Os ecuatorianos votan nunhas eleccións anticipadas marcadas pola violencia

Fortes medidas de seguridade para protexer o substituto do asasinado Villavicencio

Se ninguén consegue polo menos o 40 por cento dos votos, haberá segunda volta

Zurita vota protexido polo Exército
G24.gal 20/08/2023 20:45 Última actualización 20/08/2023 20:55

O Ecuador celebra este domingo unhas eleccións xerais anticipadas marcadas pola inestabilidade e o asasinato dun dos candidatos presidenciais. A xornada desenvólvese con relativa calma e co exército despregado por todo o país para reforzar a seguridade dos centros de votación.

Con casco, chaleco antibalas e protexido por militares e policías votaba o candidato que substitúe ao asasinado Fernando Villavicencio o pasado oito de agosto, en plena campaña electoral. A formación que lidera asegurou a través dun comunicado que Christian Zurita recibiu ameazas de morte. O candidato Zurita apenas puido rematar as súas declaracións polas medidas de seguridade que o rodeaban.

"Miren como estamos exercendo a democracia o día de hoxe, con toda a policía e os militares, temos que erradicar a violencia", engade o candidato Jan Topic.

As forzas armadas garanten a seguridade dos máis de catro mil colexios electorais que abriron as súas portas ás dúas da tarde hora galega, e pecharán ás doce da noite. Máis de 13 millóns de ecuatorianos votan para elixir un novo presidente, ou presidenta, 137 parlamentarios e tamén para pronunciarse en varias consultas sobre cuestións ambientais. Segundo a presidenta do consello nacional electoral nas primeiras horas de votacións, a participación roldaba o 20 por cento.

Si houbo algúns problemas relacionados co voto dos ecuatorianos empadroados no exterior, uns 400.000, aos que tamén se referiu a candidata Luisa González.

"Coidemos as votacións da nosa poboación migrante".

Se ningún candidato consegue o 40 por cento dos votos e unha diferenza de dez puntos sobre o resto, haberá unha segunda volta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade