Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os dous superviventes do accidente de Cerdedo levaban posto o cinto de seguridade

Os dous superviventes do accidente de Cerdedo levaban posto o cinto de seguridade

Tanto o condutor como a pasaxeira que continúa hospitalizada apuntan ao 'aquaplanning' como causa do accidente

G24.gal 30/12/2022 10:37

O condutor do autobús sinistrado, un vigués de 63 anos e cunha dilatada traxectoria profesional ao volante, declarou ao longo da xornada de onte. Logrou esquivar os obxectivos dos medios que estiveron todo o día na entrada da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra para intentar captar a súa imaxe.

Durante horas relatoulles aos axentes a súa versión e o que lembra de que pasou na noite do sábado, cando o autobús que conducía acabou nas augas do rio Lérez. Cabe lembrar que deu negativo nas probas de alcol e drogas. 

Os investigadores xa interrogaron tamén no hospital á outra supervivente do sinistro, unha muller pontevedresa de 56 anos. Os dous confirmarían que levaban o cinto posto. Puido ser clave para a súa supervivencia. Iso determinarao a investigación que segue en marcha. 

Tamén transcendeu que ambos apuntarían á intensa chuvia que caía no momento do accidente e ás malas condicións da vía como o que puido provocar que o autobús fixera 'aquaplanning'.

Na zona son moitos os que apuntan a unha semirrotonda a uns 100 metros de onde caeu o autobús, que se reformou hai un par de anos. Aseguran que pasa una mina de auga debaixo e a auga escorrega polo asfalto mesmo cando non chove, e cando o fai intensamente provoca un aboiamento no firme, como se aprecia nas imaxes gravadas estes días por usuarios da vía, que fai botar os vehículos.

Ademais dos superviventes, os investigadores interrogarán nos próximos días a testemuñas, servizos de emerxencias que participaron no rescate e outros condutores que fan esa ruta.

Tamén se analizan os datos do tacógrafo e outros elementos dixitais do autocar, ademais de todos os vestixios recollidos no lugar do accidente e no autobús para intentar facer unha simulación de que pasou.

Todo ese traballo demorará unhas semanas ata que o informe sexa remitido ao Xulgado de Instrución numero 1 de Pontevedra que levará o caso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade