Falece en Pontevedra un home de 92 anos que fora diagnosticado de covid-19
Falece en Pontevedra un home de 92 anos que fora diagnosticado de covid-19
A persoa falecida no CHOP padecía patoloxías previas
Os contaxios diarios seguen por riba dos 500
Sobe a presión hospitalaria con seis pacientes críticos máis
Un home de 92 anos, que fora diagnosticado de covid–19, faleceu no Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP). Segundo informa o Sergas, sufría patoloxías previas.
Dende o comezo da pandemia, en Galicia morreron 2.667 persoas coa doenza confirmada. De acordo cos últimos datos oficiais, a evolución epidemiolóxica continúa empeorando.
Nas unidades de coidados intensivos hai seis persoas máis coa infección e os contaxios seguen por riba dos 500, aínda que baixan con respecto á xornada anterior.
Nas ultimas horas detectáronse 519 casos novos. Ourense con 164 e Vigo con 156 son as áreas sanitarias que máis casos seguen rexistrando.
A situación hospitalaria reflicte a suba de casos destes días. Hai 114 persoas ingresadas, 21 delas en coidados intensivos. A área de Vigo, que ata o sábado tiña dous pacientes críticos, ten agora seis.
Desde o inicio da pandemia en Galicia contaxiáronse un total de 189.025 persoas e curaron 181.616.
Por áreas sanitarias, as de Vigo e Ourense continúan cun incremento de casos superior ao cento diario e xa superan amplamente o milleiro, co que duplican as cifras da Coruña, a seguinte en incidencia.
En Galicia administráronse 4.889.384 dose da vacina contra a covid–19 e xa hai 2.304.079 persoas coa pauta completa.