Os conservadores gañan as eleccións alemás e a ultradereita, segunda forza tras duplicar o voto
O líder da CDU, Friedrich Merz, descarta pactar coa extrema dereita e quere ter listo o novo Goberno en Semana Santa como moi tarde
A gran coalición, de conservadores e socialdemócratas, é matematicamente posible tras quedar fóra do Bundestag os liberais e os populistas de esquerdas da BSW
O Partido Socialdemócrata do chanceler saínte asina o peor resultado da formación desde finais do século XIX
Os conservadores volverán ao poder en Alemaña logo dunha paréntese de tres anos e medio tras gañar os comicios, obrigados a formar canto antes unha coalición nun momento xeopolítico convulso e a gobernar cunha ultradereita máis forte que nunca na oposición. Unha coalición na que Friedrich Merz será chanceler e que poderá ser a dous co SPD de Olaf Scholz, sen o mandatario saínte.
Xa se completou o escrutinio
Completado o reconto preliminar dos votos nos 299 distritos electorais, o bloque conservador de CDU e CSU obtén o 28,5 % dos apoios, seguido da extrema dereita de Alternativa para Alemaña (AfD), co 20,8 %, un resultado histórico que dobra o do 2021.
O SPD de Olaf Scholz cae ata o 16,4 % dos votos, o peor resultado do Partido Socialdemócrata desde finais do século XIX. Despois sitúanse Os Verdes, actuais socios no Executivo, cun 11.6 %, e A Esquerda, con practicamente un 8,8 %.
Os liberais do FDP, co 4,3 %, e a esquerda populista de Alianza Sahra Wagenknecht (BSW), co 4,97 %, quedan fóra do Bundestag ao non acadar o mínimo esixido do 5%.
A Cámara Baixa conta con 630 deputados, polo que se precisan 316 para lograr a maioría absoluta. Sen o FPD nin a BSW, a gran coalición de conservadores e socialdemócratas sería matematicamente posible.
Merz, o líder conservador, quere un Executivo para Semana Santa
O líder do bloque máis votado quere negociacións rápidas para formar Goberno: a intención de Friedrich Merz é empezar a falar despois dos comicios rexionais de Hamburgo do 2 de marzo, "a máis tardar", e telo listo "como moi tarde en Semana Santa", do 13 ao 20 de abril.
Nós, a CDU e a CSU gañamos estas eleccións ao Bundestag (...). O mundo non espera e tampouco nos espera a nós, nin a longas e difíciles negociacións de coalición. Temos que sentar pronto as bases para que Alemaña volva ser ben gobernada, dixo na sede do seu partido.
O político conservador asegurou que Alemaña será gobernada con fiabilidade. A Unión comprométese a iso e tamén eu persoalmente.
Reiterou a súa negativa a cooperar coa ultradereita de Alternativa para Alemaña, que se ofreceu a formar parte do futuro Executivo tras quedar segunda.
Temos visións diverxentes en política exterior, de seguridade, con respecto á OTAN. Pódennos tender a man todo o que queiran, pero non caeremos nunha política errónea, afirmou Merz na tradicional rolda da televisión pública con todos os candidatos.
Agás sorpresa maiúscula, chegará á Chancelería tras unha carreira política que comezou nas mocidades do partido, que interrompeu durante 12 anos coincidindo coa era de Angela Merkel, e na que sempre representou á sección máis conservadora da formación.

A ultradereita (AfD) ofreceuse para formar Goberno
A líder da ultradereitista Alternativa para Alemaña (AfD), Alice Weidel, ofreceuse a entrar nun Executivo de coalición tras lograr algo máis do 20 % dos votos, o dobre do conseguido nos anteriores comicios.
"Somos o único partido que duplicou o noso resultado. Queríannos reducir á metade e pasou o contrario. O noso brazo sempre estará estendido para entrar ao Goberno e facer realidade a vontade do pobo", dixo Weidel na festa electoral da AfD.

Os Verdes amosáronse dispostos a seguir asumindo responsabilidades no Executivo
O candidato á Chancelería dos Verdes, Robert Habeck, declarábase este domingo disposto a seguir asumindo responsabilidades de Goberno no caso de que as cifras o fixesen posible e que o gañador das eleccións puxese esa posibilidadeenriba da mesa.
"Os Verdes queremos seguir asumindo responsabilidade. Se é posible verase tras unha longa noite", dixo Habeck.
Pero, co reconto preliminar finalizado, os seus deputados non son precisos.

Scholz non vai estar nas negociacións para ver de pechar a gran coalición
Olaf Scholz, aspirante á reelección como chanceler, felicitou aos conservadores pola vitoria.
Para min é importante darlle os parabéns á CDU/CSU polo resultado electoral, dixo, recoñecendo que para os seus É un resultado amargo. Así o afirmou nunha intervención cos líderes do Partido Socialdemócrata na súa sede berlinesa, a Casa de Willy Brandt. O partido sacou os peores resultados desde ó século XIX.
Na rolda de conversas entre os candidatos que se celebra na televisión pública, o chanceler saínte descartou participar nun Goberno liderado pola CDU nin nas negociacións para ver de formalo.
Presenteime a chanceler (...) pero non participarei como representante do SPD nun Goberno liderado pola CDU, nin tampouco o negociarei, aclarou.

O líder dos liberais abandona a política tras a desfeita
O presidente do Partido Liberal (FDP), Christian Lindner, anunciou que deixa a política tras a desfeita sufrida pola súa formación ao quedar sen representación parlamentaria.
As eleccións xerais trouxeron unha derrota para o FDP pero oxalá tamén un novo comezo para Alemaña. Por iso loitei. Abandono a política activa con enorme agradecemento tras caso 25 anos de intenso traballo, dixo Lindner na súa conta de X.
Die Bundestagswahl brachte eine Niederlage für die FDP, aber hoffentlich einen Neuanfang für Deutschland. Dafür hatte ich gekämpft.
— Christian Lindner (@c_lindner) February 23, 2025
Nun scheide ich aus der aktiven Politik aus. Mit nur einem Gefühl: Dankbarkeit für fast 25 intensive, herausfordernde Jahre voller Gestaltung und… pic.twitter.com/UuT1jTUeRW
Lindner, de 45 anos, asumiu a xefatura do FDP en 2013, despois de que a formación quedase fóra do Bundestag por primeira vez.

A participación nas eleccións é a máis alta desde a reunificación
A participación nestas lexislativas situouse no 82,5 %, a máis alta desde a reunificación de 1990.
No 2021 fora do 76,6 %, polo que son practicamente seis puntos máis.
Case 59 millóns de cidadáns estaban convocados ás urnas nas lexislativas deste domingo.
