Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os arquivos de Epstein omiten unha acusación contra Trump por agresión sexual, segundo The New York Times

Os arquivos de Epstein omiten unha acusación contra Trump por agresión sexual, segundo The New York Times

O diario asegura que faltan máis de 50 páxinas relacionadas cunha denuncia presentada ante o FBI

O Departamento de Xustiza afirma que non eliminou información dos documentos desclasificados

G24.gal 25/02/2026 22:56

Os arquivos do pederasta Jeffrey Epstein publicados recentemente polo Departamento de Xustiza de Estados Unidos omiten material considerado “clave” sobre unha muller que acusou ao presidente estadounidense, Donald Trump, de agredila sexualmente cando era menor de idade.

O xornal The New York Times sinala que os documentos difundidos resumen entrevistas realizadas polo FBI a unha muller que en 2019 asegurou ter sido agredida sexualmente tanto por Trump como por Epstein.

A denunciante declarou ante o FBI, días despois da detención de Epstein por tráfico sexual, que foi agredida polo magnate na década de 1980 e que este lle presentou a Trump.

Segundo o seu testemuño, Trump agrediuna “nun encontro violento e escabroso” que tería ocorrido tamén nos anos 80, cando ela tiña entre 13 e 15 anos.

The New York Times indica que nos arquivos divulgados faltan máis de 50 páxinas relacionadas coa investigación do FBI.

Nunha publicación na rede social X, o Departamento de Xustiza asegurou que non eliminou información dos documentos desclasificados.

O organismo explicou que, se se retiran temporalmente arquivos para censurar datos das vítimas, estes restáuranse axiña e quedan dispoñibles ao público.

Engadiu que se fixeron públicos todos os documentos, agás os duplicados ou aqueles que forman parte dunha investigación federal en curso.

A Administración Trump e o Departamento de Xustiza recibiron críticas de lexisladores e superviventes de Epstein pola xestión dos arquivos.

Algúns superviventes denunciaron que certos documentos incluían nomes de vítimas e que se omitiran acusacións de abuso contra outros homes.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade