Proliferan as plantas de estramonio nas leiras de millo
Trátase dunha planta moi tóxica si se inxire
Podería provocar problemas de intoxicación se as vacas a consomen no silo
Nos campos de millo do país é cada vez máis frecuente a presenza de estramonio, unha planta tóxica con efectos psicotrópicos. Hóuboa dende sempre en Galicia, pero agora estase a comportar como unha herba invasiva que, ademais de restar nutrientes aos cultivos, pode representar un perigo para o gando se as plantas van no medio do ensilado.
Tamén chamado herba do demo, figueira do inferno ou herba das bruxas. Disque as consumían nos aquelarres polos seus efectos psicotrópicos. O certo é que son moi tóxicas e o seu consumo pode orixinar graves consecuencias na saúde. Incluso a morte. Tanto en humanos coma en animais. De aí que preocupe o aumento da súa presenza entre as plantas forraxeiras.
Antonio Balado, produtor e comercializador de millo de Castro de Ribeiras de Lea, di que debemos ter certa precaución "porque se se deixa avanzar moito nas leiras, pode chegar a ser prexudicial para o gando. Moito mais daniño en verde que cando está ensilado. Pero ensilado tamén ten moita acidez para o gando e amarga".
Para evitar efectos non desexados, na zona da Terra Chá están a vixiar a súa aparición e traballan na eliminación das plantas, ben arrincándoas ou usando herbicidas. "Na nosa zona nunca chegou a ser problema porque sempre se combateu. É unha planta difícil de controlar porque medra entre o millo cando xa está alto e iso dificulta o uso de herbicidas", comenta Balado.
Ten un comportamento altamente invasivo. "De sempre houbo estramonio en Galicia. Pero non tanto. Antes é certo que tamén había, pero non a cantidade de agora. Pensamos que moitas sementes viñeron en palla importada dende Castela e aquí ao ir nos estercos, foi inzando. Se tes tres plantas, para o seguinte ano tes trescentas e para o seguinte 3.000".
As cápsulas que saen de cada flor poden chegar a conter máis de 700 sementes.