O Obradoiro resucita da man de Robertson e derrota o Manresa (104-99)
Cando todo parecía perdido, con 80-86 apareceu o aleiro (28 puntos) para levar o partido á prórroga que comezou a decantar cunha tripla con adicional
O principio do partido marcou o desenvolvemento do Obradoiro-Manresa. Os visitantes comezaron moito mellor (3-11) aproveitando os erros en ataque do cadro santiagués. Conseguiu recuperarse ao final do primeiro cuarto (21-19), pero custoulles moito aos locais.
O Obra mantivo a iniciativa no comezo do segundo cuarto cunha máxima de sete puntos (35-28), pero o treito anterior ao descanso resultou nefasto para os intereses dos de Moncho Fernández. O Manresa recuperou a iniciativa (39-41) e acabou indo ao descanso con sete de diferenza (42-49) despois de encaixaren 30 puntos no período.
Conseguiu mudar a tendencia o Obradoiro que igualou o encontro e volveu a poñerse con catro puntos de marxe (64-60) e a sensación de que todo quedaba para o último cuarto (70-72). Os puntos tardaron moito en chegar nun último cuarto no que se entrou nos últimos cinco minutos con empate a 78.
Un parcial de 2-8 devolveu a iniciativa a Manresa. Cando máis difícil estaba o partido para o Obradoiro apareceron Robertson e os Scrubb botándose o equipo ás costas e conseguiron igualar o marcador (91-91) a 17 segundos do final e levar o partido á prórroga.
Unha tripla con adicional de Robertson comezou a rachar o tempo suplementario (97-93). O Obradoiro pasou a ter a iniciativa e xa non a soltaría ata o final. O acerto nos tiros libres permítelle lograr unha nova vitoria que o desafoga na clasificación e chegar ao derbi nun gran momento.