Publicador de contidos

Publicador de contidos

Menos de tres anos de prisión para os acusados de abusar dunha rapaza e gravalo

Menos de tres anos de prisión para os acusados de abusar dunha rapaza e gravalo

As defensas chegaron a un acordo coa Fiscalía para reducir a condena tras admitiren os feitos

G24.gal 04/07/2022 12:47

O xuízo contra dous mozos acusados de abusar sexualmente dunha moza que estaba inconsciente e de gravalo co móbil finalizou con penas de menos de tres anos de cárcere para cada un dos procesados, tras un acordo das súas defensas coa Fiscalía.

Os dous acusados, que están en prisión desde decembro de 2020, recoñeceron os feitos e foron condenados nunha vista de conformidade na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo.  

O primeiro deles a un total de 2 anos, 7 meses e 15 días de prisión como autor dun delito de abuso sexual con acceso carnal por vía bucal e como cómplice dun delito contra a intimidade. Ademais, impúxoselle unha multa de 540 euros, a prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima durante oito anos (unha vez que salga do cárcere) e a medida de liberdade vixiada durante sete anos.  

Pola súa banda, o outro acusado foi condenado a un total de dous anos e tres meses de prisión como autor dun delito de abuso sexual e outro contra a intimidade. Tamén terá que pagar unha multa de 1.080 euros, non poderá achegarse ou comunicarse coa vítima durante oito anos e impúxoselle a medida de liberdade vixiada durante cinco anos.  

Con respecto á responsabilidade civil, ambos deberán indemnizar conxunta e solidariamente a vítima con 10.470 euros, aínda que xa consignaron parte desa indemnización. Precisamente por iso, a Fiscalía tivo en conta a atenuante de reparación do dano, na modificación da súa acusación.

Os feitos remóntanse á madrugada do 11 de agosto de 2020, cando os acusados coincidiron coa vítima, á que coñecían, nun local de copas. Tras consumiren varias bebidas, os tres fóronse nun taxi ao piso dun dos acusados, e nese momento a moza perdeu a conciencia.  

Os acusados aproveitaron que a moza non se podía defender e tombárona nunha cama, quitáronlle a roupa e dedicáronse a sobala e a facer comentarios obscenos e de mal gusto mentres facían quendas para gravalo todo cun teléfono móbil.  

A gravación destas vexacións foi gardada no teléfono móbil dun dos acusados e difundiuse entre os seus coñecidos e entre coñecidos da propia vítima a través da rede social Instagram.  

Inicialmente, o ministerio público consideraba os dous acusados autores dun delito continuado de abuso sexual con acceso carnal por vía bucal, un delito contra a integridade moral e un delito contra a intimidade, e pedía para cada un deles penas que sumaban 14 anos e 7 meses de cárcere. Tamén pedía para a vítima unha indemnización de 25.470 euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade