O xuízo a Trump polo asalto ao Capitolio será o próximo 4 de marzo
Prodúcese un día antes do 'supermartes', cando moitos estados realizan as votacións das primarias dun ou dos dous partidos
En poucos meses, Trump xunta ata tres procesos xudiciais distintos

A xuíza Tanya S. Chutkan decidiu este luns a data para o xuízo contra Donald Trump para o 4 de marzo de 2024. O expresidente será xulgado polo asalto ao Capitolio.
Desestima así as intencións da defensa de Trump de adiar o proceso ata a abril de 2026, despois das eleccións de novembro de 2024.
A data elixida, o 4 de marzo, é un día antes do supermartes, cando máis dunha decena de estados tanto republicanos como demócratas celebrarán simultaneamente procesos internos para elixir os seus candidatos.
O exmandatario está acusado en Washington DC de catro cargos: conspiración para defraudar os EUA, conspiración para obstruír un procedemento oficial, obstrución e intento de obstruír un procedemento oficial e conspiración contra dereitos.
Polo primeiro deses cargos poderíalle caer unha pena máxima de cinco anos de cárcere, polo segundo e o terceiro vinte anos de prisión, respectivamente, e polo cuarto, dez anos.
Outros procesos xudiciais
O inicio do proceso contra Trump polos pagos irregulares á actriz porno Stormy Daniels está fixado para o 25 de marzo de 2024 en Nova York.
O xuízo na Florida polos papeis clasificados que levou da Casa Branca á súa mansión de Mar-a-Lago (A Florida) está programado para o 20 de maio de 2024, cando faltarán pouco máis de 6 meses para as eleccións presidenciais