O xuíz rexeita a petición de Cerdán de retransmitir a súa comparecencia do luns
A petición resulta inconciliable coa lei e podería presentar perfís delituosos
O maxistrado explicou que están a loitar contra as filtracións e isto non axudaría
O maxistrado Leopoldo Puente rexeitou a petición do exsecretario de organización do PSOE Santos Cerdán de retransmitir en directo a súa comparecencia do próximo luns por resultar irreconciliable coa lei.
A defensa de Cerdán solicitou que se dispoñan os medios técnicos necesarios para que os medios e o público xeral tivesen a posibilidade de seguir en directo a comparecencia mediante unha canle de videostreaming ou pola TVE pola importancia que ten.
Con esta medida, Cerdán quería evitar as interpretacións interesadas das súas palabras.
Nunha providencia, o maxistrado foi tallante sinalando que a petición é inconciliable co artigo 301 da Lei de axuizamento criminal. Esta establece que as dilixencias do sumario son reservadas e non teñen carácter público ata que se abre xuízo.
Puente explica que as tres primeiras declaracións filtráronse aos medios e, para corrixilo, acordaron que ás copias das gravacións só se puidese acceder desde o Supremo.
O maxistrado engade que dende esa norma, "ningunha das xa numerosas declaracións posteriores transcendeu, polo que á súa gravación audiovisual respecta, extramuros do procedemento".
Admite que as filtracións, normalmente parciais, danse por non dispoñer dos mecanismos efectivos necesarios para evitalas, polo que é un bo motivo de reflexión para o lexislador.
O xuíz engade que non pode ignorar a lexislación vixente nin solucionar as filtracións con máis aínda. Incorrer nestas condutas podería presentar perfís delituosos.
A defensa solicitou a incorporación de toda a información dispoñible nos rexistros públicos da súa situación patrimonial xunto ca da súa muller e filla, polo Punto Neutro Xudicial.
Sobre iso, Puente admitiu a petición no que afecta a Cerdán, pero rexeitouna nos casos da súa muller e filla, xa que o investigado non ten lexitimación para consultar eses datos.
Cerdán agora deberá explicar os indicios de corrupción que recolle o informe da UCO. Estes indicios falan de comisións, amaños de obras e de repartición de cartos con Koldo e Ábalos.
Por outro lado, o PP agarda que diga a verdade e esíxelle ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que aclare se a trama de Cerdán financiou a súa campaña.