O xuíz do caso Negreira non ten dúbida da corrupción sistémica no fútbol español
Considera que os ingresos realizados a Enríquez Negreira por parte do Barcelona poderían constituír un delito de corrupción deportiva
Corrupción sistémica no fútbol español. O xuíz instrutor do caso Negreira non ten dúbidas. Os sete millóns de euros que o Fútbol Club Barcelona ingresou entre os anos 2001 e 2018 nas contas do entón vicepresidente do Comité Técnico de Árbitros tiñan como obxectivo favorecer o conxunto culé.
O xuíz sinala tamén que aínda que a investigación non consiga demostrar os pagamentos a ningún árbitro en concreto, os ingresos realizados a Enríquez Negreira poderían constituír un delito de corrupción deportiva.
Segundo o auto do xuíz, o vicepresidente do CTA designaba colexiados afíns para que dirixisen partidos relevantes de Liga e Copa e aumentasen así os seus ingresos, no que cualifica de forma novidosa de compra de árbitros.
Ademais, abre a porta a que calquera club que coincidese co Barça no período investigado se presente como acusación particular, como xa fixo o Real Madrid. Pola contra, o instrutor decidiu apartar a Federación como acusación e pediulle que remita un cuestionario a todos os árbitros para avanzar na hipótese da influencia de Negreira.