O voluntariado PLANCTON retira 104,5 quilos de residuos na illa de Cortegada
A acción conseguiu retirar por agora 158 toneladas de residuos do mar e da costa en diferentes enclaves de Galicia
As praias da illa de Cortegada, dentro do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, acolleron este sábado unha nova xornada de limpeza de lixo mariño na que participaron máis de 40 persoas voluntarias.
A acción, convocada por Afundación a través do seu programa de voluntariado Actúa, no marco de PLANCTON, conseguiu retirar por agora 158 toneladas de residuos do mar e da costa en diferentes enclaves de Galicia.
Na xornada deste sábado recolléronse 840 palillos de batea, máis de 2.000 anacos de plástico sen identificar, 1.120 pedazos de vidro, 493 de corda ou cabo, 15 chisqueiros, xiringas, máis de 500 bastóns dos oídos e máis de 2.100 anacos de poliexpan.
Tras as tarefas de recollida, clasificación e pesada, a balanza reflectiu un total superior aos 104,5 quilos de residuos retirados do enclave natural de Cortegada, contribuíndo de maneira significativa á súa conservación e mellora ambiental.
Esta intervención é a cuarta actuación do voluntariado de PLANCTON en Cortegada desde o inicio do proxecto no ano 2020, todas desenvolvidas en colaboración co Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.
Os residuos
A maior parte dos residuos recollidos está directamente relacionada coas actividades socioeconómicas desenvolvidas no medio mariño, especialmente ao cultivo do mexillón nas bateas e á actividade pesqueira.
Tamén se localizaron obxectos alleos ao sector do mar, procedentes fundamentalmente de actividades de lecer nas praias e da vida cotiá no continente, coma chisqueiros ou produtos de limpeza dos oídos. Ademade, residuos de plástico ou vidro.
O proxecto PLANCTON combina accións de voluntariado ambiental, actividades formativas e iniciativas de divulgación co fin de fomentar unha maior conciencia social sobre o impacto do lixo mariño e a necesidade de preservar os recursos naturais co fin de aseguralos para as xeracións futuras.
PLANCTON continúa a súa actividade nas vindeiras semanas con novas xornadas de voluntariado en diferentes puntos do litoral galego. Entre elas, xa está prevista unha nova intervención no Parque Nacional, concretamente no arquipélago de Ons, antes do inicio da tempada estival.