O TSXG revoga a expulsión dun cidadán boliviano condeado en 2008 por asasinato
A orde de expulsión dictouse en 2023 e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia decidiu anulala porque o condenado por asasinato"non representa unha ameaza seria"
Imaxe de arquivo do TSXG
A sección primeira da Sala do contencioso-administrativo do TSXG revogou a orde de expulsión ditada pola Subdelegación do Goberno da Coruña e referendada por un xulgado de Santiago, e declarou esa expulsión contraria ao ordenamento xurídico, xa que o recorrente, condenado en 2008 por un asasinato, non representa actualmente unha ameaza para a orde pública e acreditouse o seu interese por reinserirse na sociedade.
A Subdelegación do Goberno ditou unha resolución de expulsión en novembro de 2023 e rexeitou as alegacións do solicitante, un cidadán boliviano que foi condenado a 17 anos de prisión en 2008 por un asasinato. O home acudiu aos tribunais e un xulgado do contencioso administrativo validou esa orde de expulsión. Con todo, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) revogou esa decisión, e sinalou que, na mesma, non se realizou unha correcta valoración das circunstancias familiares e persoais deste home.
Na súa sentenza, o alto tribunal galego explica que a orde de expulsión de cidadáns estranxeiros debe conlevar unha motivación, ponderación e proporcionalidade, especificamente en casos como este, cando houbo unha período longo de estancia en España.
No caso da resolución da Subdelegación, non se cumpriron "as esixencias de motivación reforzada" e non se xustificou "a persistencia dun perigo grave e actual contra a orde pública". Segundo lembra o TSXG, "o perigo social non se mantén sempre e resulta inalterable", e "a posibilidade de reeducación e reinserción son dereitos constitucionais".
"NON REPRESENTA UNHA AMEAZA SERIA"
Neste caso concreto, o tribunal apuntou que, a pesar da gravidade "evidente" do delito polo que foi condenado (na actualidade xa se atopa en liberdade condicionada), a orde de expulsión produciuse 15 anos despois desa sentenza condenatoria, e o home non ten outros antecedentes policiais nin penais. A iso súmase o feito de que ten arraigamento familiar en España (ten unha parella e un fillo con ela, nacido na Coruña), e conta cun contrato de traballo indefinido a xornada completa. Ademais, acreditouse o seu interese en formarse e reinserirse na sociedade, e así tamén o valorou o xulgado de Vixilancia Penal e, por outra banda, "perdeu todo lazo afectivo e familiar co seu país de orixe".
Por todo iso, o TSXG conclúe que o recorrente "non representa actualmente unha ameaza seria e grave para a orde pública e a seguridade pública" e revogou a orde de expulsión.