O TSXG confirma 22 anos e medio de prisión para o autor do crime de Velle
O tribunal desestima o recurso da defensa e mantén a condena por asasinato con aleivosía
O acusado deberá indemnizar con 120.000 euros os pais da vítima e con 40.000 a irmá

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza da Audiencia Provincial de Ourense que condena a 22 anos e medio de prisión o home que matou a coiteladas a moza do seu curmán e feriu gravemente este último en febreiro de 2021, na parroquia de Velle, en Ourense.
A Sala do Civil e Penal do TSXG rexeitou o recurso presentado pola defensa, que pedía que os feitos fosen considerados homicidio en lugar de asasinato, ao negar a existencia de aleivosía. Porén, o tribunal considera que o ataque reuniu os requisitos da aleivosía en modalidade sorpresiva.
Os maxistrados destacan que o agresor actuou cunha “eliminación total da posibilidade de defensa das vítimas”. Subliñan que entrou na vivenda “baixo o paraugas da confianza, en horas nocturnas e sen prevención algunha”, e que o ataque foi rápido, por sorpresa, cunha arma branca de grandes dimensións e sen posibilidade de reacción por parte das vítimas.
O alto tribunal tamén descarta que houbese erros na valoración das probas ou que se vulnerase a presunción de inocencia.
A defensa solicitara que se aplicase unha eximente incompleta moi cualificada pola alteración psíquica do acusado, pero o TSXG rexeita esta tese. Segundo a resolución, o tribunal entendeu que só había unha “limitación leve das facultades”, baseándose no informe forense.
O TSXG si estima parcialmente o recurso da acusación particular e incrementa as indemnizacións por responsabilidade civil.
O condenado deberá pagar 120.000 euros aos pais da vítima mortal e 40.000 euros á súa irmá. A resolución aclara que este aumento, arredor do 30 % respecto ao baremo de tráfico, responde á natureza dolosa do delito e ao maior dano moral que causou.
A sentenza non é firme.