Galicia esixirá desde este sábado o certificado covid para entrar na hostalería
O TSXG destaca que non só cumpre a función de "evitar contaxios, senón tamén de minimizar os riscos"
Feijóo asegura que á Xunta non lle vai tremer a man se é preciso endurecer as restricións, pero insiste en que a ocupación hospitalaria non fai prever máis limitacións.
O certificado covid serve de revulsivo ás persoas con doses pendentes
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia autorizou este venres a Xunta a esixir a exhibición do certificado covid-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa ás persoas maiores de 12 anos para acceder ao interior dos restaurantes, durante todo o día, e, a partir das 21 horas, para acceder a cafeterías e bares.
A Sala entende que a medida preventiva de seguridade sanitaria cumpre co requisito de temporalidade esixido polo Tribunal Supremo, pois terá efecto desde as 00:00 horas do 27 de novembro, xa se publicou no Diario Oficial de Galicia, e ata as 00:00 horas do 18 de decembro.
Destaca que non só cumpre a función de "evitar contaxios, senón tamén minimizar os riscos", e lembra que é "unha evidencia científica" que a transmisión da covid-19 entre os vacinados é "moito menor á dos non vacinados".
Os xuíces indican que se trata de "lugares de socialización que favorecen a relaxación da atención necesaria para manter as medidas individuais de prevención, ao que pode contribuír o consumo de alcol".
Galicia esixe desde mañá o certificado covid para entrar na hostalería
O @TSXGalicia autoriza á @Xunta esixir o 📄 certificado #COVID19 para acceder ao interior de restaurantes, durante todo o día, e, a partir das 21 horas, para o ingreso en cafeterías e bares. A medida terá efecto ata ⏰ as 00.00 horas do 🗓️ 18 de decembro
— TSXG (@TSXGalicia) November 26, 2021
A esixencia de pasaporte covid afecta tamén os establecementos de xogo que conten con servizo de hostalería e restauración.
O certificado que se esixe non só se refire á vacinación con pauta completa para a covid-19, senón que tamén é válido o documento que acredite unha proba diagnóstica negativa nas últimas 72 ou 48 horas, dependendo do tipo de análise. Así mesmo poderán acceder a estes locais as persoas que certifiquen que se recuperaron dunha infección polo SARS-CoV-2 nos últimos seis meses.
Ademais, "non será necesaria a exhibición de documentación para a prestación do servizo en terrazas situadas no exterior", segundo especifica a orde.
A Consellería de Sanidade sinala no texto que este requisito adóptase como "unha medida alternativa menos gravosa", pero "con igual eficacia que limitar ou establecer novas restricións" ás capacidades máximas e horarias, que foron pactadas co sector. De feito, mañá tamén entra en vigor a nova limitación de grupos nos locais de hostalería, con oito de máximo no interior e quince no exterior.
Para garantir a privacidade e intimidade, a comprobación de validez dos certificados presentados, tanto en formato papel como en dixital, só poderá ser efectuada polos establecementos a través da lectura do código QR, empregando a aplicación Passcovid da comunidade galega.
A orde especifica que a comprobación se realizará unicamente para o control de acceso, polo que "non se conservarán en ningún caso datos de carácter persoal nin se crearán ficheiros con eles", nin ningún tratamento sobre datos persoais, e farase da maneira "menos intrusiva e invasiva que sexa posible".
Reaccións do presidente da Xunta
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou que o visto e prace da xustiza ao pasaporte covid é, segundo o presidente da Xunta, unha boa nova para a saúde pública, os consumidores e o sector da hostalería.
"Galicia é un lugar seguro, o pasaporte é unha ferramenta máis xunto as vacinas e a terceira dose para loitar contra a sexta onda e que non impacte tanto na economía durante o Nadal e para non ter que tomar decisións tan drásticas como noutros países", sinalou Feijóo.