O Tenerife adía a salvación do Lugo 0-2
A homenaxe ao Polvorín, o filial ascendido á segunda federación, serviu de prolegómeno ao encontro do Anxo Carro.
O mellor visitante da categoría, o Tenerife, derrotou ao Lugo, e aprazou momentaneamente a certificación da permanencia dos de Rubén Albés.
O equipo canario mostrouse máis efectivo nun partido bastante igualado e con poucas ocasións claras de gol. O primeiro tempo foi de tenteo, sen un dominador claro. O empate a cero no descanso era a consecuencia lóxica do que se estaba a ver no terreo de xogo. O Tenerife, metido en postos de playoff, tirou do balón parado e do poderío no xogo aéreo de Enic Gallego.
Cun poderoso salto, logrou asistir a Mario González para inaugurar o marcador no minuto 64. A posición de Gallego, moi axustada, foi validada polo VAR. Estabamos nos momentos decisivos do partido. Porque o Lugo tivo enseguida unha clara ocasión para empatar, pero Clavería rematou fóra por ben pouco.
A acción resultou ser determinante, porque o equipo canario non perdoou cando tivo a oportunidade. E outra vez con Enric Gallego como asistente de cabeza. O beneficiario foi, desta vez, Andrés Martín, que acababa de entrar no partido. Era o minuto 78, e os de Ramis lograban sentenciar así o choque. Amosando o seu oportunismo arriba, e unha solidez defensiva moi notable. Aínda así, o Lugo tivo a última no minuto 92. Pero Soriano, cun paradón, evitou o gol de Sebas.
O conxunto galego queda con 46 puntos, nove sobre os postos de descenso, con doce aínda por disputar.