Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Supremo reclama 647.000 euros a Ábalos, Koldo García e Aldama

O Supremo reclama 647.000 euros a Ábalos, Koldo García e Aldama

A sala deulles un prazo de 15 días para que aboen as multas

G24.gal 04/11/2026 17:40

O Tribunal Supremo requiriu o pagamento dun total de 647.000 euros ao exministro de Transportes José Luis Ábalos, ao seu exasesor Koldo García —ambos en prisión— e ao comisionista Víctor de Aldama, en execución da sentenza que os condenou por comisións en contratos públicos de máscaras.

A sala que xulgou os tres abriu a executoria da sentenza e deulles un prazo de 15 días para que aboen as multas, o comiso das cantidades procedentes do delito de suborno e as indemnizacións ás que foron condenados.

A Ábalos requíreselle o pagamento de multas por 52.500 euros; ao seu exasesor, por 45.750 euros; e ao empresario Aldama —o único que está en liberdade—, por 75.000 euros. Os tres deben pagar tamén conxuntamente os 430.298 euros dos que se beneficiaron ao cometer un delito de suborno, segundo a sentenza.

Ademais, Ábalos e Koldo García teñen que indemnizar conxunta e solidariamente as empresas públicas Ineco e Tragsatec con 34.450 euros e 9.500 euros, respectivamente, pola colocación de Jessica Rodríguez, exparella do exministro.

Para todos os pagamentos sinalados, os maxistrados conceden un prazo de 15 días. 

Por outra banda, a sala acordou as correspondentes liquidacións de condena das penas de prisión de Ábalos e Koldo García, fixando que o tempo máximo de cumprimento é de 15 anos e 18 meses no caso do exministro e de 15 anos para o seu exasesor.

No que respecta a Aldama, os maxistrados obrígano a comparecer semestralmente ante o tribunal para informar das súas actividades laborais, mercantís ou empresariais e comprobar o cumprimento do ordenamento xurídico. Ademais, concédenlle 15 días para ratificar o seu consentimento á realización dun ano de traballos en beneficio da comunidade.

A este respecto, o Supremo lembra que se trata de dúas condicións directamente vinculadas á suspensión da execución da pena de catro anos e medio de cárcere que lle foi imposta por colaborar coa xustiza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade