Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Supremo dá luz verde a Trump para que constrúa un salón de baile na Casa Branca

O Supremo dá luz verde a Trump para que constrúa un salón de baile na Casa Branca

O proxecto do salón de baile, impulsado por Trump para ampliar as instalacións destinadas a actos e recepcións oficiais da Casa Branca, supuxo a destrución da antiga Á Leste da residencia presidencial e ocasionou duras críticas de diversos sectores

REUTERS REUTERS
G24.gal 01/09/2026 08:34

O Tribunal Supremo dos Estados Unidos outorgou este luns unha vitoria ao presidente Donald Trump, ao que decidiu permitir que continúe de xeito indefinido coa construción dun salón de baile na Casa Branca, un controvertido proxecto polo que o mandatario avogou con insistencia e que topara cos tribunais.

A corte sentenciou, por cinco votos fronte a catro, a favor da solicitude de emerxencia presentada polo Departamento de Xustiza para invalidar as sentenzas de xuíces de instancias inferiores que ordenaran bloquear as obras, fóra das que afectan ao búnker de seguridade no subsolo do futuro salón de baile, ao considerar que só o Congreso tiña potestade para autorizar as obras dentro da Casa Branca.

O Supremo xa emitira o pasado 21 de agosto unha orde para permitir que continuasen as obras de xeito provisional mentres deliberaba sobre a solicitude de emerxencia presentada polo Goberno de Trump.

Na sentenza, que non leva sinatura, o tribunal argumenta que é probable que o Fideicomiso Nacional para a Preservación Histórica non teña lexitimación procesual para interpoñer a demanda que acabou bloqueando as obras no sobresolo.

Nese sentido, o Supremo non publicou ningunha conclusión sobre se Trump ten ou non autoridade para levar a cabo a construción sen a aprobación do Congreso.

O presidente do Supremo, o maxistrado John Roberts, uniuse na sentenza ao voto en contra das tres xuízas liberais da corte, Sonia Sotomayor, Elena Kagan e Kentanji Brown Jackson. O propio Roberts asegurou que é probable que a devandita construción sexa ilegal.

O proxecto do salón de baile, impulsado por Trump para ampliar as instalacións destinadas a actos e recepcións oficiais da Casa Branca, supuxo a destrución da antiga Á Leste da residencia presidencial e deparou duras críticas de diversos sectores. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade