Publicador de contidos

Publicador de contidos

O sorteo do Euromillóns deixa un millón de euros en Vigo

O sorteo do Euromillóns deixa un millón de euros en Vigo

Un boleto selado nun bar de Balaídos foi agraciado co premio especial do millón 

Están convencidos de que é un cliente habitual 

 

G24.gal 21/01/2026 13:47

A mañá gris e morriñenta coa que amenceron os traballadores e clientes do bar Loreda de Vigo, contrasta coa noticia que agochaba tras as paredes.

Lupe Pregal, xerente do local: "Eu sóubeno esta mañá, cando espertei tiña o móbil a tope, de Loterías, veciños, clientes... e non o podía crer, a verdade. Unha sorpresa moi grande".

No seu local selouse o boleto premiado cun millón de euros no último sorteo do Euromillóns. Foi unha aposta semanal. Dan por feito que lle tocou a alguén do barrio, porque do barrio son o 95 % dos clientes.

"Moi ilusionada de que caera no barrio e facer feliz a alguén, porque isto cámbiache a vida un pouco. É moito diñeiro, entón eu creo que non dará a cara. Temos que ver, pero é aínda cedo. De momento, moi contenta de ter repartido ilusión", explica Lupe.

Non damos co afortunado ou afortunada, pero si con voluntariosos candidatos. "Xa me gustaría que me tocara a min. Eu diríao, todos os males sexan ese". "Eu polo momento non, pero alégrome que fora xente de aquí do barrio", comentan varios clientes.

Pola retranca e os sorrisos, sospeitamos que saben quen é, pero ninguén o recoñece abertamente.

O que teñen claro é que a sorte está ás veces máis preto do que parece. "Sempre pensamos que é algo que non vai pasar aquí, pero si que pasa", conclúe unha clienta.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar