O sismo de Colombia deixa xa 169 mortos; 164 españois están sen localizar
Os hospitais están desbordados e varias cidades declararon o toque de recollida
Polo menos 169 persoas morreron e máis de 668 quedaron feridas polo terremoto de magnitude 7,4 que sacudiu este luns gran parte de Colombia, onde ducias de edificios colapsaron, os hospitais quedaron desbordados e varios aeroportos suspenderon as súas operacións, mentres continúan os labores de busca e rescate.
Amais, o ministro de Asuntos Exterirores, José Manuel Albares, informou este martes que hai 164 cidadáns españois sen localizar, e que polo momento non constan nin falecidos nin feridos de orixe española. O ministro sinalou que tanto a Embaixada como o Consulado están mobilizados para axudar a colonia española en Colombia.
Cali, capital do departamento de Val do Cauca (suroeste), ten 85 falecidos, seguida de Pereira, capital de Risaralda, que limita con San José del Palmar (Chocó), epicentro do terremoto, que suma 66 vítimas mortais, segundo a información, difundida pola Asociación Colombiana de Ciudades Capitales (Asocapitales).
Porén, a cifra recolle unicamente o balance das capitais do país, polo que non inclúe os mortos e feridos rexistrados en municipios e localidades contiguas, onde tamén se reportaron colapsos de edificios e numerosos danos.
O balance tampou inclúe cifras de desaparecidos, aínda que milleiros de persoas informaron de que non atopan familiares e amigos.
Neses tres departamentos, así como en Caldas e Quindío, na zona cafeteira do centro do país, houbo colapso de edificios, casas e danos na súa infraestrutura hospitalaria, aeroportos, servizos públicos e sistemas de transporte.
Pereira, Cali, Quibdó, Manizales e Armenia son as principais cidades que permanecen en alerta vermella pola magnitude dos danos, e en total contan polo menos 165 edificios colapsados.
O sismo obrigou ao Goberno do presidente Abelardo de la Espriella, quen asumiu o cargo hai só tres días, a declarar a situación de "desastre nacional".
O terremoto produciuse á 07:34 hora local e tivo o seu epicentro en San José del Palmar, no departamento do Chocó, a unha profundidade de 103 quilómetros, segundo o Servizo Xeolóxico Colombiano.
O movemento telúrico sentiuse en Bogotá, Cali, Popayán, Manizales, Armenia, Pereira, Medellín e outras cidades do centro e oeste do país, así como en Ecuador, Panamá e Venezuela.
O presidente De la Espriella, quen instalou un Posto de Mando Unificado para coordinar a resposta á emerxencia, visitou este luns Quibdó, capital do Chocó, onde se reuniu con autoridades locais antes de trasladarse a Cali.
O mandatario asegurou que os recursos económicos para atender a emerxencia xa están dispoñibles e sinalou que o Estado está despregado para atender os damnificados.