O Servizo de Medicina Preventiva do CHUS, o segundo máis antigo de España, fai 50 anos
As campañas de vacinación, a xestión de alertas epidemiolóxicas ou os cribados son algunhas das funcións que capitanean ás áreas de Saúde Pública
Hoxe, o Servizo de Preventiva do CHUS, o primeiro de Galicia, fai 50 anos. Naceu a comezos da década dos setenta, concretamente en 1972, xusto despois do do Clinic de Barcelona e antes ca o do Clínico de Madrid.
Os servizos de medicina preventiva e saúde pública dos hospitais fixéronse moi populares durante a pandemia porque coordinaron cribados, vacinación, alertas sanitarias; pero o seu labor era xa ben coñecido nos hospitais onde levan encargándose décadas de cuestións de prevención de riscos, hixine ou de asuntos tan importantes como, por exemplo, o control da bioseguridade ambiental nos quirófanos.
Están agora mesmo a cargo da xestión de tres epidemias simultáneas de virus respiratorios (gripe, covid e VRS), e encárgase do control de tuberculose, da vixilancia de xermes multirresistentes no interior do hospital ou a bioseguridade ambiental nas áreas de críticos ou inmunodeprimidos.
Os departamentos de Preventiva e Saúde Pública son os responsables dos protocolos e as alertas sanitarias que chegan desde os centros de control de Europa e Estados Unidos.
"As alertas poden xurdir desde a urxencia e, se son comunitarias, pois veñen normalmente de atención primaria. Isto levámolo facendo moitos anos pero é coa pandemia coa que moitos cidadáns e institucións o puxeron en valor", explica Cristina Fernández, xefa do Servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Área Sanitaria Santiago-A Barbanza.
No acto de aniversario do Servizo de Preventica do CHUS estiveron presentes para celebralo moitas das caras dos preventivistas coas que nos familiarizamos porque nos axudaron a entender mellor o que sucedeu durante a pandemia.
"Axudáronnos a tomar decisións, non sempre sinxela,s como os confinamentos e os peches perimetrais que nos axudaron a conseguir eses bos resultados que obtivemos. Este labor coordinado verase reforzado coa creación do futuro Centro Galego de Prevención e Control de Enfermidades", apuntou o Conselleiro, Xulio García Comesaña.
E tamén cunha axencia estatal, porque a covid fixo patente o papel central para as nosas vidas da medicina preventiva e do control e vixilancia da saúde pública.