O Sergas estende as PCR gratuítas e activa as citas para vacinar a franxa 40-49
O conselleiro de Sanidade anuncia puntos de PCR de acceso libre nos 14 distritos
Os de 40-49 vacinados con AstraZeneca e os que fan 6 meses desde a 2ª dose xa están a recibir a SMS coa convocatoria para a dose de reforzo
Aberta a autocita para vacinar o mércores e xoves os menores de 9 a 11 anos que non foron citados
O conselleiro de Sanidade anunciou esta mañá en Ourense a posta en marcha de puntos de PCR de acceso libre nos 14 distritos sanitarios. Puntos de libre acceso e gratuítas para que os asintomáticos que teñan dúbidas poidan, se o desexan, iniciar as festas sabendo que non están infectados.
"Imos abrilos nos vindeiros días, en función de como vaia podendo desenvolvelo cada área sanitaria", anunciou o conselleiro.
Comesaña eloxiou ademais a marcha da campaña de vacinación en Galicia, cunha adherencia ás doses de reforzo no grupo de 50-59 anos que volve superar o 90 %. Despois de lograr tamén a maior adherencia das comunidades nas primeiras doses de vacina pediátrica, Galicia volverá adiantarse co reforzo ao seguinte grupo etario, o de 40-49, que xa esta recibindo os SMS da citación da terceira.
"Empezamos a citar a algúns que, tendo menos de 49, foron vacinados con AstraZeneca ou están no período de 6 meses des que recibiron a segunda",
Explicou Comesaña que a Dirección Xeral de Saúde Pública traballa nun documento que mañá levará Galicia á Conferencia de Presidentes. En principio, esas medidas non irían na liña de restricións horarias ou de movementos -coma o toque de retirada- que se están a levar a cabo, por exemplo, en Cataluña.
"Non son as liñas que temos enriba da mesa do comité clínico nin da proposta da Dirección Xeral da Saúde Pública, pero a reunión é para buscar puntos de encontro, consensos, e se algo nesa liña se dese, por suposto, analizariámolo", dixo.