Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Senado elimina a marxe de 20 km/h para adiantar nas vías convencionais

O Senado elimina a marxe de 20 km/h para adiantar nas vías convencionais

Aumentouse de 4 a 6 os puntos que se poden perder por lanzar á vía ou nas súas inmediacións obxectos que poidan producir incendios ou accidentes

G24.gal 17/11/2021 18:43

O pleno do Senado aprobou a reforma da lei de tráfico coa incorporación dunha emenda do grupo socialista que elimina a posibilidade que teñen os vehículos de pasar en 20 km/h o límite de velocidade para adiantar en estradas convencionais, en contra do criterio do Congreso.

A nova lei sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade viaria, que será remitida de novo á Cámara Baixa para a súa aprobación definitiva, revisa as infraccións que detraen puntos aumentando de tres a seis o uso do móbil ao volante suxeitándoo coas mans e a catro non utilizar ou facelo indebidamente o cinto de seguridade, sistemas de retención infantil, casco e demais elementos de protección obrigatorios.

Ademais, mediante unha emenda transaccional aumentouse tamén de 4 a 6 os puntos que se poden perder por lanzar á vía ou nas súas inmediacións obxectos que poidan producir incendios ou accidentes, así como por adiantar poñendo en perigo ou entorpecendo ciclistas ou sen deixar a separación mínima de 1,5 metros.

A eliminación da marxe de 20 km/h nos adiantamentos en estradas convencionais foi un dos aspectos máis polémicos do proxecto de lei durante toda a tramitación, que foi tombado no Congreso.

O grupo socialista volveu poñer este mércores encima da mesa vía emenda a medida e esta vez recibiu o apoio do Senado, que aprobou o proxecto de lei por 153 votos a favor, 2 en contra e 96 abstencións, entre elas, as do PP, Ciudadanos e Vox.

No novo texto suprímese o apartado que establecía que "o ensino da condución relativa aos coñecementos teóricos necesarios para a obtención do permiso de conducir, poderá efectuarse a distancia", que fora incorporado no Congreso, e que provocou a abstención de Ciudadanos.

Ademais, engádese unha nova disposición adicional pactada pola maioría dos grupos que sinala que para a obtención do carné poderanse establecer cursos de concienciación e sensibilización, que poderán impartirse tamén en liña sempre que se asegure a interacción a través dunha aula virtual.

A nova lei prohibe tamén a circulación de vehículos de mobilidade persoal como os patinetes, as bicicletas e os ciclos polas beirarrúas, unha medida recollida nunha emenda do PSOE transaccionada que, aínda que xa a adoptaron nalgunhas cidades, este grupo cre que debía recollerse nunha norma con rango de lei.

Os senadores apoiaron tamén unha emenda do PP que recolle que en ningún caso o condutor novel poderá circular polas vías cunha taxa de alcol en sangue superior a 0 gramos por litro ou de alcol en aire expirado superior a 0 miligramos por litro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade