A Universidade de Vigo prioriza a construción dun edificio para a Escola de Aeroespaciais de Ourense
A Universidade de Vigo prioriza a construción dun edificio para a Escola de Aeroespaciais de Ourense
Tamén se vai construír unha facultade nova para Deseño en Pontevedra
O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, explicou no Galicia por diante da Radio Galega que a crise económica impediu facer obras necesarias nos campus galegos e que agora xa se está trallando coa Xunta nun plan de infraestruturas que permita acometer estas dotacións.
Este ano xa recibiu máis de un millón de euros cada universidade para acometer as obras máis urxentes, principalmente de eficiencia enerxética, pero agárdanse partidas estables para facer edificios e traslados necesarios.
No caso da Universidade de Vigo, o reitor apunta que "a planificación inclúe como prioridade a construción do edificio para a Escola de Aeroespaciais de Ourense que agora usa diversos espazos do campus pero que non ten edificio específico. E en segundo lugar, a construción en Pontevedra da facultade de Deseño, un centro novo cunha titulación que esperamos empezar o próximo ano. Dende o punto de vista da investigación estamos pendentes de que se nos cede nos terreos da ETEA en Vigo pero probablemente moveremos o centro de investigacións mariñas".
O reitor vigués avanza tamén que "estamos traballando en trece titulacións adicionais para axeitarnos ás necesidades do mercado laboral, hai que axustar o coñecemento ás necesidades do traballo".
E como reto inmediato tamén, Reigosa apunta "resolver o problema da remuda xeracional, temos uns cadros avellentados e hai que apostar xa pola renovación", engade que "o plan de financiamento permitiranos facer unha renovación de persoal con máis tranquilidade".
Di Reigosa que o plan de financiamento que acordaron as universidades e a Xunta e que, previsiblemente, entrará en vigor a comezos de 2022, suporá un punto de inflexión para facer "unha universidade máis artellada, colaborativa e de maior calidade".