Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Reino Unido, Francia e Alemaña dispostos a atacar Irán na defensa dos seus intereses

O Reino Unido, Francia e Alemaña dispostos a atacar Irán na defensa dos seus intereses

Os líderes dos tres países afirman , nun comunicado conxunto, que realizarán as "accións defensivas necesarias"

Trump cre que a ofensiva militar contra Irán podería durar catro semanas e prevé que haxa máis baixas estadounidenses

Trump asegura que os novos líderes de Irán se amosan dispostos a negociar

directo Columna de fume en Teherán tras un ataque. Majid Asgaripour vía Reuters
G24.gal 01/03/2026 22:30 Última actualización 01/03/2026 23:26

París, Londres e Berlín, que forman o denominado bloque E3, avisaron este domingo de que considerarán tomar medidas para destruír a capacidade de Irán de lanzar mísiles e drons, para defender os seus intereses e os dos seus aliados en Oriente Medio, cuestión na que colaborarán con EE.UU.

"Tomaremos medidas para defender os nosos intereses e os dos nosos aliados na rexión, potencialmente permitindo as accións defensivas necesarias e proporcionadas para destruír a capacidade de Irán de lanzar mísiles e drons na súa orixe", indicaron os tres países nunha declaración conxunta.

Os líderes dos tres países -o presidente francés, Emmanuel Macron; o chanceler alemán, Friedrich Merz; e o primeiro ministro británico, Keir Starmer- condenaron os ataques "indiscriminados e desproporcionados" con mísiles lanzados por Teherán a outros países, "incluídos aqueles que non estiveron involucrados nas operacións militares iniciais de Estados Unidos e Israel".

"Os ataques imprudentes de Irán tiveron como obxectivo aos nosos aliados próximos e están a ameazar ao noso persoal militar e aos nosos civís en toda a rexión. Instamos a Irán a que poña fin de inmediato a estes ataques imprudentes", recalcaron.

Esta mensaxe chega despois de incidentes que involucraron non só a nacións aliadas, senón tamén directamente aos países do E3, como o impacto dun dos ataques iranianos, realizado con drons contra o porto de Abu Dabi, nun hangar naval militar francés en Emiratos Árabes Unidos, aínda que só deixou danos materiais limitados.

Pola súa banda, o Ministerio de defensa británico indicou este domingo que, nunha misión conxunta con Catar, un caza Typhoon neutralizou un dron iraniano dirixido a ese país aliado.

Starmer anuncia unha participación máis activa do Reino Unido na guerra contra Irán

O primeiro ministro británico, Keir Starmer, anunciou unha participación máis activa do Reino Unido na guerra contra Irán, e asegurou que cazas británicos "interceptaron con éxito bombardeos iranianos".

Sostivo que os países do golfo Pérsico -"os nosos socios", chamounos- solicitaron do Reino Unido "facer máis para defendelos", e a iso responde esa maior implicación.

Ademais, dixo que concedeu a Estados Unidos o uso de bases británicas (non especificou cales) para propósitos defensivos específicos que inclúen ataques a bases iranianas "porque o único modo de frear a ameaza é esnaquizar os mísiles en orixe, nos seus depósitos ou nas lanzadeiras", especificou.

Eses mísiles que Irán está a disparar por toda a rexión matan a civís inocentes, poñen en perigo aos británicos e agriden a países sen relación con este conflito, razoou Starmer.

Starmer desmentiu así a quen asegurou que o Reino Unido negara o uso desas bases á aviación estadounidense, nun aparente intento de manter certa equidistancia neste conflito.

Esta maior implicación na guerra -aínda que Starmer non utilizou a palabra- é "acorde coa legalidade internacional", subliñou, e publicou a continuación un argumentario para soster esa afirmación, no que sostén que se basea no artigo 51 da Carta de Nacións Unidas.

Trump cre que a ofensiva militar contra Irán podería durar catro semanas

O presidente estadounidense, Donald Trump, considerou este domingo que a ofensiva militar contra Irán podería durar catro semanas.

"Calculamos que durará máis ou menos catro semanas. É un país grande e, por intensa que sexa a operación, durará ao redor de catro semanas... ou mesmo menos", dixo en declaracións ao diario británico Daily Mail, onde sinalou que desde o principio contemplaron ese período de tempo.

Este mesmo domingo, noutra entrevista coa cadea estadounidense CNBC, o líder republicano sinalou que a operación, bautizada como "Furia Épica", vai máis rápido do previsto.

No Daily Mail engadiu que se está desenvolvendo sen sorpresas, aínda que mellor do esperado.

Trump accede ao Air Force One, este domingo na Florida. REUTERS/Elizabeth Frantz Trump accede ao Air Force One, este domingo na Florida. REUTERS/Elizabeth Frantz

Trump insta a Garda Revolucionaria iraniana a renderse ou afrontará unha "morte segura"

O presidente de Estados Unidos instou á Garda Revolucionaria iraniana a renderse a cambio da inmunidade ou pola contra afrontará unha morte segura.

"Insto a Garda Revolucionaria, a policía militar iraniano, a que depoñan as armas e reciban inmunidade total ou se enfronten a unha morte segura. Será segura", declarou Trump nunha declaración publicada nun vídeo na súa rede socia, Truth Social. 

Trump prevé que haberá máis baixas estadounidenses na guerra con Irán

Trump, predixo este domingo que "lamentablemente" haberá máis baixas estadounidenses na guerra con Irán, despois de que falecesen tres militares do seu país na operación para derrocar a República Islámica.

"Lamentamos a perda dos verdadeiros patriotas estadounidenses que fixeron o sacrificio máximo pola nosa nación, mentres continuamos a xusta misión pola que deron as súas vidas", declarou nun vídeo desde a súa residencia privada de Mar-a-Lago, en Florida, publicado na súa conta de Truth Social.

O republicano agregou que "lamentable, é probable que haxa máis" antes de que conclúa a operación Furia Épica.

Con todo, prometeu que fará o posible para evitar novas baixas e asegurou que Estados Unidos "vingará as súas mortes e asestará o golpe máis duro aos terroristas" responsables.

Trump, que fixo campaña en 2024 coa promesa de manter a Estados Unidos fóra de guerras prolongadas no exterior, anunciou o inicio dos ataques contra Irán a madrugada do pasado sábado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade