Publicador de contidos

Publicador de contidos

Xoán Carlos I regresa a Abu Dhabi tras pasar once horas na Zarzuela

Xoán Carlos I regresa a Abu Dhabi tras pasar once horas na Zarzuela

A Casa do Rei di que Filipe VI e Xoán Carlos I falaron sobre "distintos acontecementos e as súas consecuencias na sociedade española"

Xoán Carlos volve deixar a porta a aberta a regresar de forma definitiva a España nun futuro nunha residencia privada

Dona Sofía non puido asistir ao xantar por dar positivo en covid–19

O rei Xoán Carlos chegando ao Palacio da Zarzuela ás dez da mañá
G24.gal 23/05/2022 20:43 Última actualización 23/05/2022 23:06

Pasaban uns minutos das dez da mañá cando o rei Xoán Carlos chegaba á Zarzuela, no medio dunha grande expectación mediática e entre vítores dun grupo de persoas que o agardaban. 

Do que pasou máis alá da barreira de acceso pouco se sabe. A Casa Real deulle carácter privado ao encontro entre o rei Filipe e o seu pai, polo que hai que recorrer a imaxes de arquivo para velos xuntos. Algunhas fontes din que estiveron sós durante máis de catro horas, e que despois se uniron a raíña Sofía e outros membros da familia para un xantar.

Tras esta xuntanza, coa que ambas as partes pretendían recompoñer as relacións institucionais e persoais, o rei Xoán Carlos regresa a Abu Dhabi, onde, polo momento, ten a súa residencia permanente. Que non fixera noite no Palacio da Zarzuela foi unha das condicións que puxo a Moncloa para o seu regreso.

Xoán Carlos I finaliza así a súa primeira visita a España tras a súa marcha en agosto de 2020, coincidindo coas investigacións xudiciais da súa fortuna e dos seus negocios privados, agora pechadas.

Xa anunciou que volverá a Sanxenxo no mes de xuño, a unha regata. Queda por ver se o rei Xoán Carlos manterá viaxes periódicas ou opta por un regreso definitivo a España.

Comunicado da Casa do Rei

Filipe VI e o seu pai mantiveron "un tempo amplo de conversa" na Zarzuela sobre "cuestións familiares" e sobre "distintos acontecementos e as súas consecuencias na sociedade española" desde que o rei Xoán Carlos se trasladou a Abu Dhabi.

A Casa do Rei emitiu un comunicado tras concluír a visita de don Xoán Carlos, que incluíu un almorzo familiar en que non puido participar a raíña Sofía debido a que se contaxiou de covid–19 tras o seu regreso de Miami. Aínda así, estivo no salón onde se celebrou a comida coa máscara posta "e as medidas de ventilación correspondentes".

Ao encontro familiar acudiron a raíña Letizia, a infanta Sofía, a infanta Helena e os seus dous fillos, Filipe Xoán Froilán e Vitoria Federica, e tamén Margarida de Borbón, a irmá menor de don Xoán Carlos, e o seu esposo Carlos Zurita.

A cita foi o reencontro de Filipe VI e o seu pai desde que este marchou a Abu Dhabi no 2020. Don Xoán Carlos, de 84 anos, permaneceu no palacio durante once horas, ata as 21:00, cando se dirixiu ao aeroporto de Baraxas para emprender o voo a Abu Dhabi. Así puxo punto final á súa primeira viaxe de regreso a España, que comezou o pasado xoves en Sanxenxo.

No comunicado, lémbrase que o emérito, por vontade propia, mantén o seu lugar de residencia de "forma permanente e estable en Abu Dhabi por razóns persoais", como trasladou a Filipe VI na carta do pasado 5 de marzo, tres días despois de que a Fiscalía do Tribunal Supremo arquivase as investigacións polos seus negocios no estranxeiro.

Tamén se remarca "a súa decisión de organizar a súa vida persoal e o seu lugar de residencia en ámbitos de carácter privado, tanto nas súas visitas coma se no futuro volvese residir en España, para continuar gozando da maior privacidade posible".

"Todo iso, xunto cos demais extremos que figuran na devandita carta, constitúe o marco de referencia das actividades da súa maxestade o rei don Xoán Carlos", remata a nota.

No texto, non se fai ningunha alusión á esixencia do Goberno de que o emérito renda contas polos seus escándalos fiscais. Ao ser preguntado este domingo en Sanxenxo se pensaba facelo, Xoán Carlos I respondeu: “Explicacións de que?”.

A Casa Real non distribuíu ningunha fotografía da reunión de don Filipe co seu pai nin da comida, ao consideralo "un encontro familiar no ámbito privado". A princesa Leonor non estivo porque segue os seus estudos de primeiro de bacharelato no internado de Gales. Tampouco asistiron a infanta Cristina, quen reside en Xenebra (Suíza), nin os seus catro fillos.

O Goberno e a Casa do Rei non aceptan que o anterior xefe do Estado durma na Zarzuela, a que foi a súa residencia durante 57 anos, polo que voou esta noite a Abu Dhabi, despois de aloxarse en Sanxenxo durante catro noites na casa do seu amigo de regatas Pedro Campos.

A intención de Xoán Carlos I é regresar a Sanxenxo en torno ao 10 de xuño para participar a bordo do Bribón no campionato mundial de vela que se vai celebrar ata o día 18 dese mes. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade