Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PSOE anima á unidade arredor de Sumar, ao tempo que aspira a roubarlle votantes

O PSOE anima á unidade arredor de Sumar, ao tempo que aspira a roubarlle votantes

Os socialistas colocan nas súas listas electorais á maioría dos seus ministros

O PP nega que a economía española "vaia como unha moto" e considera que está "estancada"

G24.gal 08/06/2023 15:01 Última actualización 08/06/2023 15:17

A ministra de Facenda, María Jesús Montero, foi unha das poucas persoas que acompañaban a Pedro Sánchez a noite en que decidiu adiantar as eleccións xerais. Este xoves preguntáronlle se tentara disuadilo, pero esquivou a resposta: "normalmente, non revelo as miñas fontes, (...) quedo ese momento para o meu adentro".

Agora Montero encabezará a lista pola súa provincia, Sevilla. E coma ela, o resto de ministros salvo tres que declinaron o convite: Nadia Calviño, José Luis Escrivá e Pilar Llop. Por Madrid, Teresa Ribera irá de número dous, despois de Sánchez, Bolaños soa para o terceiro posto e Margarita Robles ocupará o cuarto lugar.

Pero máis alá das listas, o PSOE xa bota contas. Interésalle a unidade ao redor de Sumar. A ministra de Facenda, María Jesús Montero, fai un chamamento a que "o espazo á esquerda do PSOE se configure da maneira que poida ter maior rendibilidade en termos electorais, para seducir o electorado que non queira votar o PSOE".

Pero ao mesmo, aspira a roubarlle votos. Segundo Isabel Rodríguez, voceira do Goberno, o PSOE espera captar "todos os votos da esquerda porque somos un partido de esquerdas".

E coa dereita, insisten en debater, cara a cara, co líder do PP. Para Félix Bolaños, ministro da Presidencia, "é obvio que ao PP non lle interesa en absoluto o debate da economía e o emprego, porque a economía vai, en España, como unha moto".

Pero Alberto Núñez Feijóo non deixa que o PSOE lle dite a axenda e confronta os socialistas nos seus actos de precampaña. Este xoves asegurou que "non é verdade que a economía española vaia como unha moto". En opinión do presidente do PP "a economía española está estancada" e "necesitamos medrar, pero o triunfalismo inxustificado é un mal diagnóstico".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade