Publicador de contidos

Publicador de contidos

O progresista Rafael Mozo, novo presidente do poder xudicial por ampla maioría

O progresista Rafael Mozo, novo presidente do poder xudicial por ampla maioría

Foi nomeado suplente do presidente pero non presidente como tal, de maneira que as súas funcións non poden ser as mesmas ca as do presidente titular do CXPX porque actúa como vogal que substitúe a vacante

EFE 13/10/2022 18:38 Última actualización 13/10/2022 20:56

O Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) elixiu o progresista Rafael Mozo, o vogal máis antigo, como novo presidente do órgano de goberno dos xuíces en substitución de Carlos Lesmes, que dimitiu o pasado luns.

Mozo converteuse en presidente cun amplo apoio dos vogais, 16 votos a favor e un en contra do moderado Wenceslao Olea, e a progresista Mar Cabrejas ausentouse da votación, segundo informaron a EFE fontes xurídicas.

Presidente sen todas as funcións

Con todo, as fontes matizan que Mozo foi nomeado suplente do presidente pero non presidente como tal, de maneira que as súas funcións non poden ser as mesmas ca as do presidente titular do CXPX, porque actúa como vogal que substitúe a vacante.

Desta forma, a practica totalidade dos vogais rexeitan o informe encargado por Lesmes, que expuña que o seu substituto en ambas as institucións debería ser, de maneira automática ao día seguinte de publicar a súa renuncia o BOE, o presidente de sala máis antigo do Supremo, Francisco Marín Castán.

Bicefalia no poder xudicial

Así as cousas, o poder xudicial terá unha bicefalia debido a que Mozo presidirá o órgano de goberno dos xuíces e previsiblemente Marín Castán será a cabeza visible do Tribunal Supremo.

O novo presidente do Consello Rafael Mozo é o máis inesperado na historia da institución, porque chega tras a dimisión de Lesmes, do que herda o cargo pero non todas as súas funcións, e levantado polos seus compañeiros, que sitúan así un progresista nun organismo dominado por conservadores.

Ninguén podía imaxinar en decembro de 2018, cando venceu o prazo para renovar o CXPX, que o todopoderoso Lesmes sería substituído por un vogal do seu propio Consello, xa caducado, e cunha importante interinidade nas súas funcións, como así acordou o conxunto dos vogais, quen desta forma, ven máis reforzadas as súas posicións. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade