Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PP vence en Pontevedra, pero Lores pode manter a alcaldía co apoio do PSdeG

O PP vence en Pontevedra, pero Lores pode manter a alcaldía co apoio do PSdeG

O BNG perde apoios, mentres que os populares e os socialistas avanzan

G24.gal 28/05/2023 21:39 Última actualización 29/05/2023 01:00

O actual alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), poderá encadear o seu sétimo mandato consecutivo co apoio do PSOE.  Os nacionalistas logran nove concelleiros, dous menos que nas eleccións de 2019.

O PP será a primeira forza política, con 11 edís, dous máis que fai catro anos, a dous da maioría absoluta. O popular Rafa Domínguez obtén o 38,92 % dos votos (15.891), o seu mellor resultado dende 2011.

O PSdeG de Iván Puentes cumpre coas súas expectativas e aumenta a presenza na corporación, ao obter o 17,69 % dos votos (7.224), case un 4 % máis dos apoios socialistas fai catro anos.

Ciudadanos igual que lle pasou no resto de Galicia, queda fóra e perde o edil que conseguiu en 2019. Da cuarta praza caen ata a última posición, superados polo resto dos partidos que aspiraban a estrearse na corporación municipal pontevedresa.

Entre eles, aumenta o apoio a Vox, que sobe ata os 1.434 votos, aínda que o seu 3,51 % queda aínda lonxe de optar ás actas de concelleiros, xa que a lei electoral obriga a superar o 5 %.

Fernández Lores

Pero nestes comicios o BNG sofre un castigo electoral, ao acadar o 31,34 % dos votos (12.794), oito puntos menos ca no 2019. O mesmo Fernández Lores recoñeceu que os resultados son un aviso.

"Teño que dicir que os resultados mándanme un recado, un aviso, que queren que o faga moito mellor. É obvio que a lectura pode ir por aí e tomo nota. Polo tanto, que estean tranquilos que vou facer caso da súa recomendación e vou intentar facelo cada vez mellor".

Rafa Domínguez

A ledicia do PP que despois de 12 anos consegue volver gañar as eleccións en Pontevedra e ademais cun resultado contundente, onde 16.000 pontevedreses colleron a papeleta do PP". "É unha mensaxe clara. A xente está escollendo a ilusión, o proxecto de futuro fronte a outros que se ve que están esgotados e son fin de ciclo".

Iván Puentes

Os socialistas conseguen un novo concelleiro, quedan con 5, o mellor resultado do partido en Pontevedra en 16 anos. Empeza un novo tempo- dixo Iván Puentes- co obxectivo de acadar a alcaldía en 4 anos.

"Os próximos 4 anos traballaremos para construír esa nova Pontevedra, para construír a Pontevedra que ven e para chegar as eleccións do ano 2027 cunha posición clara e nítida que é liderar a próxima Pontevedra"

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade