O PP non consegue os apoios necesarios para que o Goberno cambie a lei do só si é si
O Congreso non apoia a proposición non de lei dos populares para modificar a norma e volver á anterior tipificación dos delitos sexuais para evitar as rebaixas das condenas
No pleno, unha deputada Vox foi expulsada da tribuna por non retirar a palabra "filoetarras" que empregou para referirse aos socios do Goberno
O PP presentaba a proposición non de lei para que o Congreso instase o Goberno a modificar a lei do só si é si e volver á anterior tipificación dos delitos sexuais para evitar a rebaixa das penas. Pero a proposta non conta cos apoios necesarios para ser aprobada.
Para os populares "é unha vergonza que Irene Montero siga sendo ministra", porque a norma "insulta as vítimas" e "xa causou un dano irreparable".
"É irreversible para os casos que se revisaron e tamén para novas vítimas porque grazas a Irene Montero e aos seus compañeiros de Goberno temos unha lei que favorece agresores e violadores. Esta chapuza lexislativa é o peor que vivimos nas últimas décadas. Que pasaría se isto o aprobase o PP?", pregunta Rosa Romero, deputada do PP.
"Isto do que vai é de facer uso da liberdade, de colocar o consentimento no centro, que o desexo das mulleres importe e decida, por iso acabamos coa distinción entre abuso e agresión porque isto non vai de evitar que nos penetren a costa de arriscar a nosa vida", responde Sofía Fernández, de Unidas Podemos.
E Andrea Fernández deputada do PSOE engade: "Señorías, é unha incoherencia que agora amosen tanta urxencia e tanta preocupación pola seguridade das mulleres cando é evidente que é unha causa coa que vostedes non son sensible salvo que ula a rendibilidade política".
O grupo parlamentario de Vox abandona o hemiciclo
A rifa chegou no debate doutra proposición. Foi polas palabras da deputada de Vox Patricia Rueda para referirse aos socios do Goberno.
"Este Goberno ningunea Málaga e as rexións que son leais a España e premia a filoetarras, nacionalistas e golpistas", afirmou Patricia Rueda, deputada de Vox.
Gómez de Celis, que nese momento presidía a sesión, pediulle ata tres veces que o retirase, e tras a negativa da deputada expulsouna da tribuna. A continuación todo o grupo de Vox abandonaba o hemiciclo.
Con anterioridade, Espinosa de los Monteros queixárase ante a presidenta do Congreso de que se refiran a Vox como "ultradereita, extrema dereita ou fascista". Meritxell Batet respondeu que "dereita e extrema dereita" son cualificativos como "esquerda e extrema esquerda". O portavoz de Vox preguntoulle que pasaba con fascismo, pero esa pregunta, a de fascista, quedou sen resposta.