O Porriño non pode co Valur na súa pista e queda subcampión da European Cup (25-24)
As galegas saíron ben nunha pista inexpugnable desde hai dous anos, con vantaxes de ata tres goles
Tras a remonta local, volveron reaccionar para acabar perdendo por so un gol, despois dun 23-16
O Porriño non puido dar a sorpresa na pista do Valur, onde non perde o equipo islandés desde hai dous anos, e remata a European Cup como subcampión, un sabor agre despois dunha gran participación na competición europea.
O partido comezou coas locais por diante, pero co Porriño respondendo ás vantaxes locais. Logo do 3-1, as galegas remontaban con dúas paradas de Ana Palomino e dous goles de Paulina Buforn. Maider Barros asinaba a primeira vantaxe de dous goles no partido aos 9 minutos, e Paulina marcaba o 3-6 desde os sete metros, que obrigaba ás locais a parar o partido. O Valur, que levaba dous anos sen perder no seu pavillón, non era quen de frear ás porriñesas.
Unha exclusión de Maddi Bengoechea deulles azos ás locais, pero Paulina Buforn respondía aos goles de Asgeirsdottir, único argumento anotador islandés, co seu 4º gol para manter os 3 de renda. Unha nova exclusión, desta volta de Sarai Samartín por impactar un lanzamento na faciana da porteira rival, dáballe opción ao Valur de empatar o partido a 7, logo de varios minutos con moitas dificultades para marcar das galegas.
Xusto a seguir, Mica Casasola provocaba a acción antirregulamentaria de Sturludottir, pero nin así foron quen de marcar as porriñesas, que encaixaban o 9-7 en superioridade numérica, parando o partido Isma Martínez.
A vantaxe seguiu medrando nos peores momentos das galegas, ata que Lucía Laguna facía o 11-8 para rematar coa seca goleadora. Pero o Valur non afrouxaba, e o partido chegou ao descanso cun resultado de 12-9, cun golazo de Malena Valles.
A segunda metade comezou coa mesma tónica, co Porriño con moitos problemas para marcar. Isto fixo que a renda local, apoiada tamén no acerto da súa porteira, medrase ata os 5 goles co 17-12.
O treito final do encontro foi confirmando a superioridade das locais, lanzadas polo seu público, mentres o Porriño se mantiña con moito sufrimento, sen poder evitar que a vantaxe local seguira medrando. O último tempo morto de Isma Martínez chegou xa co 23-16 que facía a misión practicamente imposible. Pero, aínda así, as galegas non tiraron a toalla, e puxéronse a 2 no treito final, grazas ao acerto goleador de Malena Valles. E, xa no minuto final, a un so gol co tanto de Maider Barros. Faltoulles un último ataque ás de Isma Martínez para poder igualar a final. O 25-24 confirmaba o título do Valur, e deixaba ás galegas co mel nos beizos.