Filipe VI fai público un patrimonio persoal de máis de 2,5 millóns de euros
O dato deuno a coñecer este luns a Casa Real
Zarzuela informou o Goberno, PP e outros grupos políticos, excepto BNG, ERC, CUP, Junts e Bildu por "estaren contra a Constitución do 1978"

A Casa Real compartiu este luns o patrimonio do rei Filipe VI, que ascende a 2,57 millóns de euros. Esta publicación responde a unha medida "de exemplaridade e transparencia".
Do patrimonio —acumulado desde o ano 1998— 2,26 millóns son de depósitos bancarios e fondo de investimento e 305.450 euros son de antigüidades, obxectos de arte e xoias de carácter persoal.
Segundo se declarou, o rei non ten bens inmobiliarios nin cartos no estranxeiro. No mesmo comunicado tamén se informa de que o rei presenta cada ano a declaración da renda e do patrimonio asistido pola Axencia Tributaria.
A orixe débese principalmente ás retribucións percibidas do Estado nos últimos 25 anos como príncipe de Asturias e como rei.
Fontes da Zarzuela aseguran que esta decisión de Filipe VI non afecta a raíña Letizia ao considerar que non ten "responsabilidades constitucionais" e que o xefe do Estado é o rei. Tamén desligaron esta decisión da situación persoal e xudicial do rei Xoán Carlos e insisten en que o obxectivo é "reforzar a confianza na Coroa e no rei".
A Casa Real informou da decisión o Goberno, o PP e outros grupos, excepto BNG, ERC, Junts, Bildu e a CUP por seren formacións "que están en contra da Constitución do 1978".
O Goberno aprobará un decreto que reforma a estrutura da Casa Real
O Consello de Ministro ten previsto aprobar este martes un real decreto que reforma a estrutura e o funcionamento da Casa Real co obxectivo de reforzar a súa transparencia. Prevese así aumentar "a transparencia, a rendición de contas, a eficiencia e a exemplaridade" nesta.