O Parlamento apoia declarar o 2026 como o ano Otero Pedrayo
A declaración chega cando fai 50 anos do seu pasamento e 100 da publicación de 'Guía de Galicia'
A declaración destaca a Pedrayo como un home "que nos une a todos" e é "unha das figuras máis coñecidas e recoñecidas por todos os galegos e as galegas"
RAG
O Parlamento de Galicia aprobou este mércores unha declaración institucional en que apoia declarar o 2026 como Ano Ramón Otero Pedrayo con motivo do 50 aniversario da súa morte e o centenario da publicación de Guía de Galicia como recordo a unha figura que "nos une a todos".
Todos os grupos parlamentarios coinciden en que "a transcendencia da súa figura na construción da Galicia moderna" merece a gratitude do pobo galego declarando o 2026 como Ano Oteriano, promovendo actividades de investigación, difusión e posta en valor da súa vida e obra en colaboración coas institucións culturais, educativas e académicas do país.
Na declaración aprobada no último pleno do ano e lida polo presidente da Cámara, Miguel Santalices, reivindican a Otero Pedrayo (1888–1976) como figura esencial das letras, do pensamento e da identidade galega contemporánea nas súas diferentes facetas como "profesor, ensaísta, xeógrafo, novelista, político e membro destacado das Irmandades da Fala e máis tarde do Partido Galeguista".
Sosteñen que Otero Pedrayo foi un dos piares do florecemento cultural e intelectual de Galicia, representante dunha xeración que soubo vincular o galeguismo coa defensa da cultura universal e co compromiso coa terra. De feito, a súa obra literaria e científica "segue sendo un referente de estudo e de inspiración", xa que "desde o seu prolífico labor non deixou xénero literario sen cultivar" para conformar o seu "case inabarcable mundo literario".
O texto aprobada pola Cámara sinala tamén a etapa na que percorreu a provincia de Ourense "dando mitins de carácter nacionalista e fundando o Partido Nazonalista Repubricán de Ourense", do que foi presidente, defendendo a cooficialidade das linguas e a autonomía de Galicia.
Tras iso, alcanzou entón a acta de deputado nas Cortes, xunto con Castelao e Suárez Picallo, e en decembro de 1931 participou na fundación do Partido Galeguista, que "nunca abandonou, aínda que polo seu profundo catolicismo e pensamento político de corte liberal e conservador disentiu".
Tamén inciden os partidos na declaración institucional na súa participación na campaña do plebiscito do Estatuto de Galicia, "compartindo como todos os galeguistas a alegría polo triunfo do 28 de xuño de 1936", o que fixo "que fose vítima de represión unha vez sobrevindo o levantamento militar" apenas tres semanas despois. Esta situación derivou en que no ano 1937 fose destituído e apartado do ensino, á que non volvería incorporarse ata 1948.
Os deputados enxalzan a Fundación Otero Pedrayo que, situada en Trasalba-Amoeiro, vela pola proxección da súa figura e da súa obra, "que están presentes na produción editorial, cultural e docente por todo o país". Conclúen defendendo a Pedrayo como un home "que nos une a todos" e é "unha das figuras máis coñecidas e recoñecidas por todos os galegos e as galegas".