O Parlamento Europeo declara Rusia como Estado promotor do terrorismo
Horas despois, a web da cámara europea sofre un ciberataque reivindicado por piratas informáticos rusos
Tres mortos e seis feridos nos bombardeos rusos deste mércores sobre obxectivos civís de Ucraína
Moldova sofre cortes de luz masivos polos bombardeos en Ucraína
O Parlamento Europeo declarou este mércores a Rusia como un Estado promotor do terrorismo á vista dos seus "ataques deliberados e as atrocidades cometidas contra a poboación ucraína".
Tamén reclamou á Unión Europea un novo marco xurídico para clasificar estes estados e restrinxir as relacións do bloque comunitario cos devanditos países.
"A destrución de infraestruturas civís e outras violacións graves dos dereitos humanos e do dereito internacional humanitario constitúen actos de terror contra a poboación ucraína e crimes de guerra", lamentou o Parlamento Europeo.
Horas despois destas declaración, a páxina web do Parlamento Europeo sufriu un ciberataque que impide o acceso á páxina, mentres que os equipos da Eurocámara traballan para resolver a situación.
"A dispoñibilidade da páxina web do Parlamento vese afectada neste momento por elevados niveis de tráfico de rede externo. O tráfico está relacionado cun ataque informático de denegación de servizo (DDoS). Os equipos do Parlamento Europeo están a traballar para resolver este problema canto antes", escribiu en Twitter o portavoz da Eurocámara, Jaume Duch.
🚨The availability of @Europarl_EN website is currently impacted from outside due to high levels of external network traffic.
— Jaume Duch (@jduch) November 23, 2022
This traffic is related to a DDOS attack (Distributed Denial of Service) event.
EP teams are working to resolve this issue as quickly as possible.
Aínda que fontes parlamentarias non puideron verificar a identidade dos atacantes, o grupos de "hackers" prorrusos Killnet atribuíuse a autoría do ciberataque na súa canle de Telegram.
Sospéitase que ese mesmo grupo está detrás doutros ataques nos últimos días contra servizos informáticos da Casa Branca, a casa real británica e algunhas administracións francesas.
Rusia segue bombardeando obxectivos civís na capital de Ucraína
Polo menos tres persoas morreron e outras seis resultaron feridas como consecuencia os bombardeos lanzados este mércores polo exército ruso sobre Kiev, informou a Administración Militar da capital ucraína na súa conta de Telegram.
O novo ataque ruso lanzado afectou varios distritos da cidade e danou infraestruturas, á vez que os deixou sen subministración de auga potable, confirmou este mércores nunha mensaxe na súa conta de Telegram o alcalde a cidade.
"Golpeada unha das infraestruturas da capital. Queden nos refuxios. A alerta aérea continuará", precisou o rexedor nunha primeira mensaxe á poboación.
Usuarios das redes sociais aseguran que a cidade está a sufrir tamén cortes no fluído eléctrico que afectan a internet e ás redes telefónicas.
"Rusia celebra o seu recoñecemento como estado terrorista cunha nova (onda de) terror con mísiles contra a capital de Ucraína e outras cidades", dixo pola súa banda, o ministro de Exteriores de Ucraína, Dmytro Kuleba.
Segundo medios locais, tamén se escoitaron explosións nas últimas horas noutros puntos da rexión de Kiev e en varias cidades repartidas por toda Ucraína, como Kremenchug, Vinnitsia, Járkov, Dnipropetrovsk e Leópolis.
Rusia centrou os seus ataques nas últimas semanas en golpear as infraestruturas ucraínas co que o país comezou a padecer severos problemas nas redes de abastecemento de auga, gas e electricidade xusto no inicio do inverno.