Publicador de contidos

Publicador de contidos

O papa concita o eloxio dos partidos a pesar dalgunhas discrepancias co seu discurso

O papa concita o eloxio dos partidos a pesar dalgunhas discrepancias co seu discurso

A defensa da paz e o apoio dos vulnerables, como os migrantes, é "absolutamente concordante" coa posición do Executivo, salientou o ministro da Presidencia, Félix Bolaños

Alberto Núñez Feijóo manifestou que coincidía nun cento por cento coas palabras do papa na Cámara

Santiago Abascal non viu contradición entre a defensa dos migrantes do papa e as políticas de Vox 

León XIV no Congreso dos Deputados. Eduardo Parra/Europa Press.
G24.gal 08/06/2026 15:20

O discurso do papa ante o Congreso concitou este luns o eloxio xeral do Goberno e da maioría dos grupos parlamentarios a pesar de que algúns deles evidenciaron as súas discrepancias con parte das súas palabras.

León XIV protagonizou o primeiro acto dun papa no Parlamento, e no seu discurso advertiu de que "a pluralidade política non debería dexenerar en descualificación permanente do adversario", chamou á protección dos migrantes e subliñou que "toda vida humana debe ser recoñecida e custodiada desde a súa concepción ata o seu ocaso natural".

O Executivo salienta as coincidencias co pontífice no apoio aos migrantes 

En nome do Goberno, o ministro de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, encargado das relacións co Vaticano, subliñou que a defensa da paz, a dignidade humana e o apoio dos vulnerables, como os migrantes, é "absolutamente concordante" coa posición do Executivo.

Afirmou que ese discurso foi "moi valente", e ante as palabras nas que o pontífice aludiu ao aborto ou á eutanasia, sinalou que o Goberno respecta todas as posicións políticas e as da igrexa católica.

A ministra de Defensa, Margarita Robles, instou a aprender de todo o que dixo sobre a paz e o dialogo e considerou que as súas palabras deberían invitar a todos a reflexionar.

O portavoz do grupo socialista no Congreso, Patxi López, afirmou que o PSOE coincide no fundamental co papa, no humanismo e a defensa de poñer á persoa no centro de actuación e da actividade política, económica e social.

Con todo, recoñeceu que non comparten a súa intervención ao cento por cento e, en concreto, non teñen a mesma visión sobre o aborto e a eutanasia.

Feijóo subscribe "desde a primeira a última palabra do papa"

Por parte do PP, o seu líder, Alberto Núñez Feijóo, dixo subscribir "desde a primeira á última das súas palabras", á vez que encomiou as súas conviccións, algo que lamentou que falte actualmente na política nacional e internacional.

"Creo que con independencia das crenzas e a fe de cada un, un cento por cento do que dixo é subscribido pola inmensa maioría dos españois", recalcou.

Borja Sémper, portavoz do Partido Popular, ao preguntarlle os xornalistas polas referencias ao aborto, a eutanasia ou a migración, sinalou que non van a diseccionar o discurso do papa e que de principio a fin o interiorizan.

Abascal non ve contradición entre o a postura de León XIV e Vox en materia de inmigración 

O líder de Vox, Santiago Abascal, sumouse aos eloxios e dixo que non ve "ningunha contradición" entre as palabras de León XIV e a posición do seu partido ante temas como a inmigración, convencido de que o propio pontífice "distingue perfectamente entre o discurso e a política práctica".

Diversos representantes de Sumar comentaron estar de acordo con algunhas partes do discurso do papa, como o seu rexeitamento ao rearmamento e a súa visión da inmigración, pero rexeitan en cambio as súas críticas ao aborto e a eutanasia, e botaron en falta mencións específicas á guerra en Gaza ou en Ucraína.

Para Gabriel Rufián, o discurso do papa foi "puro cristianismo"

Un deputado de Sumar chegou a considerar excesiva a ovación ao papa tras a súa intervención, xa que opina que parecía unha "competición entre PP e PSOE" a modo de "aplausómetro".

O portavoz de ERC no Congreso, Gabriel Rufián, valorou a mirada humanista do papa respecto á migración nun discurso que considerou que é "puro cristianismo", avogando polo ben común e o respecto ao outro.

Ante iso, expresou a súa sorpresa polos aplausos dos parlamentarios do PP e Vox cando "semana a semana -dixo- apupan e vetan cos seus votos un discurso que fala de ben común e que sanciona a aqueles que din que alguén porque vén de fóra é menos".

A portavoz de EH Bildu no Congreso, Mertxe Aizpurua, sinalou que queda coas referencias do papa a asuntos como a migración, no canto das que fixo ao aborto ou a eutanasia. 

BNG e Podemos non acudiron ao acto celebrado na Cámara.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade