O papa abre a XMX de Lisboa chamando a ocuparse da "urxencia dramática do medio ambiente"
Francisco comezou hoxe cos actos da XMX e a súa primeira etapa foi o mundo académico, ao visitar a universidade católica da capital portuguesa
O papa reúnese con 13 vítimas de abusos sexuais no seo da Igrexa
O papa Francisco afirmou hoxe que existe "a urxencia dramática de ocuparse de medio ambiente" e que non é posible conformarse "con simples medidas paliativas ou con compromisos tímidos e ambiguos", no seu discurso aos estudantes ao visitar a Universidade Católica de Lisboa, a onde chegou este mércores para participar na Xornada Mundial da Mocidade (XMX).
Tras as reunións protocolarias e a vixilia co clero do país, Francisco comezou hoxe cos actos da XMX e a súa primeira etapa foi o mundo académico, ao visitar a universidade católica da capital portuguesa e dar un discurso ante preto 6.000 persoas na área exterior da facultade.
Aquí Francisco escoitou os testemuños de tres estudantes e despois afirmou: "Debemos recoñecer a urxencia dramática de facernos cargo da casa común", pero "isto non se pode facer sen unha conversión do corazón e un cambio na visión antropolóxica que está na base da economía e da política".
"Non nos podemos conformar con simples medidas paliativas ou con compromisos tímidos e ambiguos", aseverou no seu discurso, no que subliñou que este é "un momento de gran destrución do planeta".
Para Francisco é necesario "redefinir o que chamamos progreso e evolución. Porque, en nome do progreso, abriuse o camiño a unha gran regresión". "Vostedes son a xeración que pode vencer este desafío, teñen os instrumentos científicos e tecnolóxicos máis avanzados, pero, por favor, non caian na trampa de visións parciais", aconsellounos.
Tras unha visita á sede do movemento Scholas Occurentes, Francisco entrará de cheo nos actos da XMX coa cerimonia de apertura, onde o esperan centos de miles de mozos de todo o mundo no parque Eduardo VII.
O papa lamenta que as mulleres "non xogan de titulares"
O papa Francisco defendeu que as mulleres son "indispensables" pero lamentou que no "inconsciente colectivo" moitas veces está "pensar que as mulleres son de segunda".
"A contribución feminina é indispensable. No inconsciente colectivo, cantas veces está pensar que as mulleres son de segunda? Son suplentes, non xogan de titulares, e iso existe no inconsciente colectivo", advertiu o pontífice.
Mural dos mozos en Cascais
O papa Francisco acudiu a Cascais para dar a última pincelada ao mural de 3,5 quilómetros pintado por mozos de varias relixións, recluídos e persoas sen fogar como unha iniciativa do movemento Scholas Occurrentes, aos que lles dixo que "unha vida sen crise non serve para nada" pero "quedar nelas tampouco é bo".
Scholas Occurrentes é un proxecto educativo presente hoxe en 14 países iniciado a principios da década do 2000 cando era arcebispo de Bos Aires.
O mural, que aseguran é un dos máis grandes do mundo, percorre o camiño cara á sede de Scholas en Cascais, que ademais está decorada, como afirmou o papa, como unha moderna "Capela Sixtina".
Ao final do acto, Francisco puido dar o seu toque artístico a unha das paredes da sede pintando algúns círculos en cor verde e cunha brocha especial, xa que estaba conectada a un instrumento tecnolóxico de realidade virtual que permitía seguir a outros mozos cos seus computadores as pinceladas do papa.
O papa reúnese con 15 mozos ucraínos
O papa Francisco reuniuse este xoves pola mañá cun grupo de 15 mozos ucraínos, que se atopan en Lisboa para participar na Xornada Mundial da Mocidade , e expresoulles a súa proximidade "dolorosa e orante".
Antes de saír da Nunciatura Apostólica en Lisboa, Francisco saudou este grupo de peregrinos, que estaban acompañados polo consultor para o diálogo coas organizacións relixiosas do Goberno ucraíno, Denys Kolada, segundo informou a Oficina de Prensa do Vaticano.
Durante o encontro, que durou uns 30 minutos, o pontífice escoitou as "emocionantes historias" dos mozos e, ao final da reunión, rezaron xuntos o nosopai, "co pensamento volto cara á atormentada Ucraína".
"O papa escoitounos a todos, secou as súas bágoas, choraron xuntos e rezaron pola paz", explicou o sacerdote greco-católico Roman Demush, que acompañou o grupo de mozos ao encontro co Papa. Os mozos e mozas entregaron ao pontífice algúns "agasallos simbólicos".