O Ourense C. F. suma un punto en Palencia para fuxir do descenso
O partido tivo poucas ocasións, pero os galegos puideron gañar no treito final
Na Balastera, o Ourense Club de Fútbol empatou sen goles contra o Palencia nun partido de poucas ocasións e moito respecto. Os dous equipos presentábanse neste último partido de 2022 preto dos postos quentes e, xa que logo, coa intención de sumar para rematar o ano tranquilos. Así que as precaucións impuxéronse durante moitos minutos aos ataques.
As mellores ocasións chegaron no treito final do encontro. Logo de que os ourensáns pedisen un penalti por mans na área local, un centro a área estivo ben preto de converterse no único gol do partido. Pero, finalmente, non se moveu o marcador. Con este empate, os ourensáns quedaban igualados co Coruxo, antes do partido dos vigueses contra o Oviedo Vetusta.