Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Ourense CF non pode co Cacereño na Pinguela (0-1)

O Ourense CF non pode co Cacereño na Pinguela (0-1)

Un gol de Diego Gómez en posición dubidosa deixa aos extremeños a so tres puntos dos galegos

Foto: @Ourense_CF
G24.gal 25/01/2026 17:55

O Ourense CF trasladouse á Pinguela por culpa do cambio de céspede no Couto, pero Monforte non lle trouxo sorte. Os de Llácer non estiveron atinados de cara á portería, e caeron diante dun Cacereño que transita nos postos de descenso.

Entrou mellor no partido o Ourense CF, pero as ocasións tardaron en chegar. Un primeiro remate de Adri Guerrero ao lateral da rede, e dous de Amín que non atoparon portería, foron os máis claros.

Porén, o que pegou primeiro foi o Cacereño, e foi na súa primeira ocasión clara, nunha contra con asistencia de Berlanga, e gol de Diego Gómez cun remate axustado lonxe do alcance de Álvaro Ratón. A xogada foi revisada, pero o árbitro non apreciou fóra de xogo, e o tanto subiu ao marcador para botarlle o pano á primeira metade.

Na continuación, o Ourense CF seguiu sen crear ocasións claras, e volveu avisar o Cacereño. Foi cun centro pechado, no que Adri Pérez chegou de xeito providencial para evitar o remate a pracer de Kensly. Respondía axiña o cadro galego, agora si, cun remate de David Muñoz entre os paus, que detivo Nieves. E outra vez meteron o medo os visitantes, cun remate de Ajenjo estrelou no pau.

O partido entrou entón nunha fase tola, cos dous equipos atacando, e con barullos na área que ninguén atinaba a transformar en gol. E chegaron as máis claras do Ourense CF, pero apareceu Diego Nieves para evitar o empate con dous paradóns, a remates de Guerrero e Punzano.

No tempo engadido o Ourense CF seguiuno intentando, pero o partido esmoreceu cun novo barullo na área que acabou cunha falta en ataque de Rabadán. O equipo galego segue con 25 puntos, e a tiro dos postos de descenso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade