O Ourense CF golea ao Guadalaxara (3-0) e colócase a tiro da salvación
Nacho Castillo abriu o camiño con dous goles, e sentenciou Omar
O Ourense CF suma catro xornadas sen perder
O Ourense CF confirmou que a súa recuperación é un feito. Fïxoo co segundo triunfo en tres xornadas, e diante dun rival directo como o Guadalaxara, que queda agora a un punto na clasificación.
O partido comezou cun par de avisos do Guadalaxara, nas botas de Amigo, o seu home máis incisivo pola dereita. O primeiro rematouno desviado Cera; o segundo, sacouno a córner Álvaro Ratón.
Por parte do Ourense CF, o xogador máis perigoso foi Amín. Un remate seu saíu desviado por pouco. E, logo dun remate fóra de Omar, unha parede de Amín con el daba como resultado un claro penalti, que transformou Nacho Castillo no 1-0. Era o tempo engadido da primeira metade, que rematou con vantaxe galega.
Na segunda metade houbo que agardar moitos minutos para ver a primeira ocasión, pero esta acabou tamén na rede. E foi outra vez Nacho Castillo o que aproveitou un balón solto logo dun centro de Huigo Sanz. Era o minuto 69, e o 2-0 noqueou ao Guadalaxara. Logo doutro remate de Amín que sacou Zarco cun paradón, Omar volvía coller un balón rexeitado no segundo pau e marcaba cunha forte volea o 3-0.
Nos últimos minutos, as ocasións seguiron sendo para os galegos, cun disparo de Jerín que estivo a piques de sorprender a Zarco, e cun remate moi cruzado xa no tempo engadido. O partido acabou con vitoria do Ourense CF, que suma xa doce puntos.