O Ourense CF fuxe do descenso cun triunfo sobre Osasuna Promesas (2-0)
Omar abriu a conta na primeira metade, e Enol Coto puxo a sentenza cun golazo desde a banda
O cadro das Burgas suma xa 25 puntos
O Couto despedía o seu castigado céspede neste partido que abría a segunda volta. E dificultou o xogo dos equipos, que tardaron moitos minutos en comezar a xerar ocasións. Máis de 20 minutos tardou Jon García en tirar por primeira vez entre os paus. Sacou Álvaro Ratón a córner.
Si que ía cazar o Ourense CF a primeira que tivo. O balón chegáballe en profundidade a Omar Ouhdadi cun gran pase de David Muñoz, e o dianteiro definía por baixo. Revisou o árbitro unha posible falta de Omar no inicio da xogada, pero deulle validez ao tanto. No treito final puido ampliar a vantaxe o cadro galego, cunha dobre internada pola esquerda con senllos centros de Hugo Sanz. O primeiro non atopou rematador. O segundo cabeceouno preto do traveseiro David Muñoz. E, con outro remate desviado de David Muñoz a centro de Aranzabe, rematou a primeira metade.
Na segunda metade ía chegar un dos goles da temporada. Meteuno no minuto 61 Enol Coto. O lateral colleu o balón pegado á banda dereita, e conectou un envío que superou a Rafa Fernández para acabar no fondo da rede. Un remate case sen ángulo que valeu a sentencia do partido.
O Ourense CF camiñaba cara a sexta vitoria da temporada, e César Moreno tivo outra boa ocasión pero, desta volta, o porteiro si respondeu ao seu remate desde dentro da área.
No treito final o cadro local xestionou a renda, e apareceu Álvaro Ratón. O porteiro detivo un lanzamento de falta de Jon García. Despois, un par de ocasións de Lumbreras, e un lanzamento lonzano de Garín que lle botou diante e obrigouno ao despexe.
Así remataba o encontro no Couto, cunha importante vitoria que lle permitía ao Ourense CF fuxir momentaneamente a catro puntos do descenso.