O obxectivo do comité de Vestas é ampliar o período de consultas ata finais de ano
Os traballadores manteñen que a empresa actúa "de mala fe"
Hoxe remata o prazo do período de consultas para o ere de Vestas, que prevé o despedimento colectivo de 115 traballadores. O comité de empresa e a dirección da factoría reuníronse esta tarde para buscar posibles alternativas.
Desde as 16:00 horas manteñen a última reunión do período de consultas arredor do ere extintivo. O obxectivo do comité de empresa é que se prolongue ata finais de ano este período de consultas, para dispoñer de máis tempo de cara a conseguir un comprador para a factoría.
Iria Fernández, traballadora de Vestas, afirma: "O venres chegounos a boa noticia de que había un interesado en mercar Vestas, pero se a empresa non nos dá facilidades non chegará a nada. En realidade teñen mala fe por todos os lados"